CRTVG

Buscar

O Liceo aposta pola continuidade coa única incorporación de César Carballeira

Publicado o 20/07/2020 21:50

Por cuarta temporada consecutiva, Juan Copa sentará nun dos bancos máis cobizados da OK Liga, o do Deportivo Liceo. "Para min era un reto chegar a el e se son catro temporadas consecutivas é porque se están facendo ben as cousas. Estamos tentando todas estas temporadas loitar por todos os títulos, que é o que ten que tentar facer o Liceo ".

A continuidade na dirección trasládase á pista. Só hai unha novidade, a do coruñés César Carballeira: "Penso que é importantísimo, sobre todo porque vimos dun ano en que tivemos que cambiar case o 70% dos xogadores. O cambio que houbo foi a incorporación de César Carballeira, que é un xogador noso, da casa desde os tres anos. Mesmo volve mellor do que marchou. Foron dous anos en Reus e penso que mellorou moito".

A OK Liga empezará a finais de setembro. Será un todos contra todos e sen playoff, o formato que non quería o Liceo. Será unha liga máis longa porque non houbo descensos, pero si dous ascensos doutros tantos equipos cataláns. "Dúas viaxes máis, que se complica máis con Liga europea que temos polo medio. Cada vez que hai unha votación nós sempre estamos illados, nunca mellor dito".

Tras a inconclusa temporada 2019-2020, o Liceo organizará a mediados de setembro a Copa do Rei, un torneo en que chegou á final nas dúas últimas edicións.
 

Noticias web

20/07/2020

Máis sobre actualidade