CRTVG

Buscar

O Levante e o Athletic igualan nun partido tenso anticipo das semifinais de Copa

Publicado o 27/02/2021 14:35

 Levante UD 1-1 Athletic Club Levante e Athletic citáronse no Ciutat de Valencia a seis días do encontro que selará o pase á final da Copa. O partido foi un intercambio de golpes cuxo resultado decidiron dende a sala VOR. Aí se xestou o reparto de puntos.

Saíron mandando os de Marcelino ante un Levante consumido polas baixas. A solidez defensiva dos de Paco López, amais da intervención de Aitor baixo os paus, evitou que o marcador se abrise antes.

Pero os goles ían chegar dende os 11 metros. O primeiro despois de que De Frutos roubase un balón no centro do campo para acabar derrubado na área. Roger, novidade no once tras a súa lesión, transformou a pena máxima e asinou o décimo gol na liga.

De penalti marcaría ao Athletic á volta dos vestiarios. Berenguer gáñalle a partida a Coke, prepara o disparo e Vukcevic amaga co rexeitamento. Pero xa Berenguer estaba en caída libre e Díaz de Mera asubiara a pena máxima. O VAR revisou a xogada e tras catro minutos de exame prevaleceu a decisión do colexiado e o gol de Raúl García.

O reparto de puntos pareceu darse por bo á espera do que aconteza para a semana na Copa. Un lance entre Sergio León e Íñigo Martínez do que a liga non ofrece imaxes púxolle a guinda ao encontro unha vez rematado. Martínez foi expulsado por unha presunta agresión. Á espera do que ditamine o Comité de Competición, se a sanción queda entre un e tres partidos cumprirase na liga. Se é de catro ou máis, o xogador perderá a volta das semifinais da Copa.

Noticias web

27/02/2021