CRTVG

Buscar

O INE detecta un exceso de 44.000 mortes nas 21 primeiras semanas de 2020

Publicado o 03/06/2020 13:00
O Instituto Nacional de Estatística constanta un exceso de falecementos en España nos primeiros meses do ano respecto ao mesmo período de 2019. Cífrao en case 44.000 persoas, un 24% máis. Pero as diferenzas por comunidades son abismais. En Madrid o exceso chega ao 72% mentres ca en Galicia apenas é un 4% superior. O doutor Simón di que son cifras semellantes ás facilitadas hai uns días polo Instituto Carlos III

Fernando Simón, centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias: "A diferenza está en que o INE compara cos datos de mortalidade do ano pasado. Mentres que o Sistema de Monitorización da Mortalidade fai un modelo do que agardariamos atopar analizando unha serie máis longa"

Os expertos cren que hai que analizar moitos máis factores para sacar conclusións científicas, desde as vítimas da epidemia de gripe ata a temperatura media do inverno. E coñecer como influíu a pandemia no tratamento doutras doenzas.

Fernando Simón, centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias."Sabemos que pola sobrecarga nos hospitais hai xente que atrasou o acceso aos servizos hospitalarios por medo a infectarse. Iso pode facer que unha persoa cun infarto de miocardio poida chegar tarde e incrementarse a letalidade"

E recoñece que dese exceso de 44.000 mortes parte tamén poden ser vítimas da covid-19. A cifra oficial de 27.000 mortos só recolle os casos confirmados por pcr e hai constancia de moitos falecidos con síntomas compatibles coa infección por coronavirus que nos momentos maís urxentes da pandemia non chegaron a ser diagnosticados.
 
Informe do INE
O número estimado de defuncións en España durante as 21 primeiras semanas de 2020 (ata o 24 de maio) ascende a 225.930 falecementos, un 24,1% (43.945) respecto ao mesmo período de 2019, e a semana con maior número de defuncións foi do 30 de marzo ao 5 de abril con 20.575 persoas (154,6%).

Segundo a estatística Estimación de Defuncións Semanais durante o brote de COVID-19 que publica este mércores o INE, por comunidades, os maiores aumentos nese período danse na Comunidad de Madrid (72,7%), Castela-A Mancha (58%) e Cataluña (41%); pola contra, os menores incrementos obsérvanse nas Illas Baleares (0,5%) e ReXión de Murcia (1,1%). En Galicia, a diferenza foi do 3,93%, polo que está entre as máis baixas de España.

O INE aclara que estes datos reflicten a mortalidade sen distinguir causas, polo que non se pode medir de forma exacta o impacto da pandemia COVID-19 pero si observar un considerable aumento no número de defuncións en España.

Por idades, os maiores aumentos acumulados de defuncións nas primeiras 21 semanas danse entre os maiores de 90 anos (con 12.824 falecementos máis, un 27,2% máis que no mesmo período de 2019) e entre 85 a 89 anos (cun aumento de 10.006 falecementos, un 25% máis).

Nas idades inferiores a 54 anos, apenas hai diferenzas respecto a as defuncións rexistradas nas mesmas semanas do ano 2019, reflicte a estatística.

Durante as semanas 12 a 16 (desde o 16 de marzo ao 19 de abril) o incremento de defuncións foi sempre superior ao 50%; na última semana estudada, a 21, o número de defuncións é de 7.470 persoas, cifra similar ao da mesma semana de 2019, cando houbo 7.429 falecementos.

O INE destaca que os datos estimados para 2020 se clasifican polo lugar onde o falecemento ocorre porque alí se realiza a inscrición e non polo de residencia da persoa falecida. Por iso, poden darse casos de residentes nunha provincia que falecen noutra.

O Instituto de Estatística sinala que pon en marcha a partir de hoxe unha operación experimental dedicada á estimación semanal do número de defuncións por provincias e illas, atendendo ao seu compromiso social para ofrecer información que poida ser relevante para os cidadáns no contexto da pandemia da COVID-19.

O INE aborda este proxecto con datos actualizados recibidos desde os Rexistros Civís combinados con información histórica da Estatística de Defuncións co obxectivo de estimar as defuncións ocorridas durante a pandemia.

Os últimos datos de Sanidade ao 2 de xuño rexistran 27.127 falecidos, que contabiliza desde que se coñeceu a primeira morte o 4 de marzo que ocorrera a mediados do mes anterior.