CRTVG

Buscar

O incendio de Ribeira avanzou contra a noite aproveitando a forza do vento Nordés

Publicado o 07/09/2019 15:07

Os fortes refachos de vento, que superaron os sesenta quilómetros por hora na zona, fixeron que o lume, que iniciamente semella que se orixinou en Ribeira a última hora da noite de onte, collera dirección suroeste, e avanzara rapidamente tamén cara ao termo municipal de Porto do Son. No seu camiño atravesou os montes e comezou baixar cara á parroquia sonense de San Pedro de Muro, a máis afectada. Lugares coma Carballosa, A Pedreira, Basoñas ou Fonte Espiñosa víronse rapidamente rodeados de fume e pouco despois o lume presentábase preto das casas. "Estabamos durmindo -conta un veciño- e unha señora, que é algo amiga nosa, chamounos á porta. E xa nos dixo que vaivos arder a casa,e erguémonos. E xa vimos que estabamos rodeados, pola parte de atrás, por aí abaixo.... Tomamos bastante medo."

Os veciños ían espertando os uns os outros, e tentaban arrefríar as súas vivendas con mangueiras ou cisternas. Brigadas forestais, bombeiros de Ribeira e Boiro e dos concellos lindeiros, forzas de seguridade e veciños loitaban contra un vento Nordés desatado que espallaba os focos a centos de metros en cuestión de minutos.

Unha das veciñas contaba o rápido que avanzaban as lapas: É imposible loitar contra o lume porque non hai xeito. Contra o lume non se pode loitar. E polo vento. O que habia que loitar era en previr antes de que empecen. E non limpan os montes, porque nos temos un monte aí no Pereiro, e vaise todo, está perdido. E mira para aí, as cortes da miña irmá e os alboios tamen se lle van todos".

Os bombeiros tiñan que abrir paso a unha ambulancia para evacuar unha persoa con mobilidade reducida en Carballosa. A estrada que xunta Porto do Son con Ribeira chegou mesmo a quedar cortada unhas horas. Os veciños non lembran nos ultimos anos un lume tan virulento como o desta noite e contaban as horas para que raiase o día e espertar do pesadelo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

07/09/2019