CRTVG

Buscar

Controlado o incendio de Fisterra con 130 hectáreas queimadas

Publicado o 06/09/2019 21:25

O incendio forestal declarado esta pasada noite en Fisterra arrasou 130 hectáreas en pouco máis de doce horas, polo que a Xunta solicitou a intervención da Unidade Militar de Emerxencias ante a extensión do lume, a previsión meteorolóxica e a súa posible evolución.

O lume comezou ás 01.17 horas na parroquia de Sardiñeiro con varios focos, avivados polos fortes refachos de vento, e no seu control traballan ademais catro axentes, doce brigadas, oito motobombas, dúas pas, seis helicópteros e catro avións, detalla a Consellería do Medio Rural da Xunta.

Ademais, a Delegación do Goberno en Galicia informa da presenza de dous avións anfibios de alta capacidade, un da base de Santiago de Compostela e outro de Salamanca.Este non foi o único incendio declarado esta noite pois, segundo o director xeral de Montes da Xunta, Tomás Fernández-Couto, apareceron outros quince máis.

Un total de 56 militares, con axuda de dezanove vehículos e un helicóptero, reforzaron o dispositivo de loita contra o lume, informou a Delegación do Goberno en Galicia. Os integrantes da UME reforzan o dispositivo de extinción no que xa están a traballar varios equipos con axuda de dúas aeronaves anfibias do Ministerio de Agricultura. A UME acudiu con seis camións de bombeo de auga e outros vehículos especializados que se suman a outros equipos da Xunta e doutras administracións e organismos públicos que operan na zona do incendio forestal que queimou máis dun centenar de hectáreas en doce horas.

Outras tres aeronaves do Ministerio de Agricultura atópanse implicadas nos labores de extinción do incendio detectado no municipio de Lobeira, segundo a Delegación do Goberno en Galicia.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/09/2019