CRTVG

Buscar

O Hospital de Montecelo de Pontevedra duplicará a súa área destinada a covid−19

Publicado o 25/10/2020 21:04

Aínda non se coñecen os resultados definitivos dun total de 1.500 PCR que se fixeron no hospital Provincial de Pontevedra durante dúas xornadas. Mil trescentas destináronse a profesionais e duascentas a pacientes. Porque neste hospital do centro da vila houbo un gromo que afectou a 27 persoas na unidade dúas de oncoloxía. Estivo pechada e tras a súa desinfección xa está operativa.

Dos 639 casos activos de coronavirus na área de Pontevedra e O Salnés, hai 48 que requiriron hospitalización. Hai catro ingresados en planta no Hospital do Salnés, dous no QuirónSalud de Pontevedra e 35 en Montecelo. Aquí están os sete enfermos máis graves ocupando sete camas de UCI.

O Sergas en Pontevedra acaba de anunciar que neste hospital de Montecelo duplicará a área destinada a enfermos da covid−19. Disporán de todo o terceiro andar, ata agora dedicado a traumatoloxía.

Por iso confirman tamén que desde o luns se suspenderán todas as intervencións cirúrxicas previstas non urxentes, comezando polas de traumatoloxía.

Noticias web

25/10/2020