CRTVG

Buscar

O Helimer 401 rescata os cinco tripulantes dun veleiro a 85 millas da Coruña

Publicado o 07/06/2019 19:52

Mar moi groso con ondas de entre 4 a 6 metros. Vento de 65 nós, que equivalen a 120 quilómetros por hora. No medio deste forte temporal, a tripulación do Helimer 401, con base na Coruña, rescatou ás 22 horas 41 minutos os cinco tripulantes do veleiro Loa Zour, de bandeira irlandesa, a 85 illas ao nordés da Coruña.

As imaxes dan conta da situación dramática que pasaron os tripulantes do Loa Zour, un veleiro de 13 metros de eslora con bandeira irlandesa. O mar era moi groso, con ondas de entre catro e seis metros. Había tamén refachos moi fortes de vento, de 65 nós, equivalentes a 120 km/h. Salvamento Marítimo recibiu o aviso sobre as oito e media da tarde no Centro de Salvamento de Fisterra. Mobilizáronse o avión Sasemar 102 e o helicóptero Helimer 401 para afrontar un rescate complicadísimo, segundo fontes de Salvamento Marítimo.

As condicións adversas impediron que os rescatadores saltasen sobre o barco. Así que os tripulantes do veleiro tiveron que ir tirándose de a un á auga para poder ser rescatados. Os cinco tripulantes non necesitaron asistencia médica e sobre as once e media da noite xa estaban no aeroporto de Alvedro.