CRTVG

Buscar

O Goberno saca adiante no Congreso os orzamentos do Estado cunha ampla maioría

Publicado o 03/12/2020 15:17

Por 188 votos a favor, 21 máis que na investidura, o Goberno aprobou o exame máis importante do ano. Once partidos apoiaron o que a ministra definiu como as contas da unidade e que Pablo Iglesias chamou os presupostos da xente: "Creo que vai ser unha maioría que exprese a maioría social progresista representativa dunha España plural e diversa que vai asegurar esta lexislatura e espero que algunhas máis".

"Nunca antes un presuposto se tivo que dialogar con tantas formacións políticas e nunca antes a gran parte delas fixo un exercicio de xenerosidade para deixar a un lado os intereses partidistas das súas siglas", salientou María Jesús Montero, a ministra de Facenda.

Da transcendencia das contas facíanse eco na cámara tanto o PSOE como os seus aliados cataláns.
"Abandonen toda esperanza porque hai goberno para moitos anos", advertíalle á dereita Adriana Lastra, voceira do PSOE no Congreso.

Gabriel Rufián, voceiro de ERC no Congreso celebrábao: "Hoxe o Goberno debe pactar obrigadamente co independentismo de esquerdas vasco e catalán. Benvidos a unha nova era"

Só o BNG se descolgou da maioría da investidura. Néstor Rego dixo que os presupostos discriminan a Galicia e afeoulles o apoio aos deputados socialistas galegos. "Hai dirixentes políticos que cando están na oposición din unha cousa e cando están no Goberno poden dicir a contraria sen ruborizarse".

O Partido Popular di que as contas traerán máis déficit e paro e que agochan a traizón de Sánchez aos españois."Un presuposto apoiado por todos aqueles que durante anos só buscaron destruír este país dificilmente vai ser o que permita que entre todos levantemos este país", aseguraba Cuca Gamarra Voceira do PP no Congreso.

Os presupostos pasan agora ao Senado; despois volven á cámara baixa para a aprobación definitiva antes de que remate o ano.