CRTVG

Buscar

O Goberno rectifica e permitirá paseos aos menores de 14 anos a partir do domingo

Publicado o 22/04/2020 14:57

• A primeira proposta, que limitaba as saídas a acompañar os adultos para realizar tarefas esenciais, recibira un aluvión de críticas | Illa: "O Goberno escoita"

Iglesias celebra que se acepten as "recomendacións" do seu departamento

O ministro de Sanidade, Salvador Illa, anunciou, nunha conferencia telemática na Moncloa, que permitirá aos menores de 14 anos dar paseos a partir do próximo domingo 26 de abril. Rectifica así a medida anunciada pola ministra de Facenda e portavoz do Goberno, María Jesús Montero, que limitaba as saídas a acompañar os adultos para realizar tarefas esenciais, como ir ao supermercado.

Illa precisou que "dar paseos" é "dar paseos" e que nos próximos días se regularán as condicións destes, como a ditancia ou o tempo máximo. "Este é un Goberno que escoita. A fin de semana emitirei unha instrución para que os menores de 14 anos poidan dar paseos", asegurou, e engadiu que, de se aprobar mañá a ampliación do decreto de alarma, esta medida de "alivio" poderase exercer desde o mesmo domingo 26 de abril.

Pese ao anuncio realizado pola mañá por Montero, o ministro asegurou que este cambio non supón un rectificación por parte do Executivo, porque a autorización para a prorrogación do Estado de Alarma, segundo asegurou, especifica que os nenos poden saír "a facer certas cousas" e habilítao a el para tomar certas decisións. "Vou permitir que os nenos poidan dar paseos", insistiu. "A prorrogación do Estado de Alarma habilítame como ministro de Sanidade para tomar certas decisións. Eu tomei hoxe unha decisión. Este é un Goberno que escoita os expertos e a sociedade".

Illa non avanzou en que condicións se poderán dar estes paseos e sinalou que "nos próximo días" se regularán medidas como a distancia, o tempo máximo de duración ou os consellos dos expertos para realizalos, en caso de que mañá se aprobe a prorrogación do Estado de Alarma nos termos en que a expuxo o Goberno. Preguntado por que significa "dar paseos", Illa recalcou que "dar paseos é dar paseos" e non necesariamente ir a un establecemento en concreto, aínda que precisou que estes menores tamén poden ir acompañados por un adulto a estes establecementos (supermercado, farmacia, banco).

Tamén avanzou que esta mesma tarde se produciu unha primeira reunión con técnicos do ministerio de Sanidade e da Vicepresidencia de Dereitos Sociais para traballaren nas condicións concretas en que se poderán dar estes paseos. 

A proposta tras o Consello de Ministros

O anuncio de Illa contrasta co realizado por Montero tras a conferencia de prensa do Consello de Ministros. Nela, asegurara que os nenos menores de 14 anos poderían saír á rúa a partir do próximo luns 27 de abril para acompañar un adulto co que convivan nalgunha das actividades permitidas polo Real Decreto do 14 de marzo polo que se declara o Estado de Alarma; en concreto, para iren ao supermercado, á farmacia, ao banco, ou comprar o pan ou o xornal.

O Executivo xa permitía que os menores puidesen acompañar os adultos para realizar actividades esenciais naqueles fogares en que conviven un neno e un só adulto porque, doutro xeito, o menor tería que quedar só no caso de que o adulto tivese que saír a facer a compra ou a realizar algunha outra actividade esencial. 

Precisamente, á hora en que o ministro facía este anuncio, o vicepresidente segundo, Pablo Iglesias, escribía en twitter que acababa de falar co ministro Illa e co equipo que coordina a desescalada e que se congratulaba da rectificación porque, escribiu, é de sentido común. Unidas Podemos pedíralle ao Goberno que rectificase.

Tamén celebrou a nova medida a líder de Ciudadanos. Inés Arrimadas aseguraba nun chío que o Goberno non tiña máis remedio que rectificar, pedíalle que deixase de improvisar e de xerar incerteza e confusión e engadía que as familias non saben nin en que condicións poderán pasear cos fillos.

No Goberno din que darán os detalles nos próximos días, pero no Partido Popular advirten que esta indefinición pode condicionar a votación da terceira prorrogación do estado de alarma que se vai debater hoxe no Congreso. O secretario xeral dos populares escribía en twitter: "Esiximos que toda España coñeza as condicións de saída dos pequenos antes da votación".