CRTVG

Buscar

O Goberno rebaixa o crecemento dúas décimas e relaxa o obxectivo de déficit

Publicado o 11/02/2020 16:11

O executivo revisa á baixa case todas as previsións que fixo hai só catro meses. Agora, estima que creceremos este ano o 1,6%, dúas décimas menos, o déficit será unha décima maior, o 1,8% e o paro reducirase pero menos, ata o 13,6%. A única previsión que non varía é a da débeda pública, que acabará o ano no equivalente a case o 95% do PIB. As cifras forman parte do cadro macroeconómico que se lle vai enviar a Bruxelas, unhas previsións, di a ministra, prudentes, realistas e en liña co que auguran os principais analistas internacionais.

Nadia Calviño, ministra de Asuntos Económicos , di que "todos apuntan a que España seguirá crecendo por riba da media da Unión Europea nos vindeiros anos e que o noso obxectivo é reducir o máis rapidamente o déficit e a débeda pública sen poñer en risco o crecemento económico e a creación de emprego"

Ese déficit seguirá baixando, pero a menor ritmo do que comprometera o Goberno Rajoy. De feito, o executivo calcula que o desfasamento entre ingresos e gastos non baixará do 1% ata 2023. O Consello de Ministros tamén aprobou o teito de gasto para este ano: algo máis de 127.000 millóns de euros, o 3,8% máis do límite que se marcara en 2019. Será os piares duns orzamentos que o Goberno levará ao Congreso en canto teña garantidos os apoios.

María Jesús Montero, ministra de Facenda, asegura que "a nosa intención é que cando cheguen ao Congreso dos Deputados, polo menos con aquelas forzas políticas que teñen que permitir o inicio da súa tramitación, teñamos os contactos previos para poder garantilos e aseguralos"

Despois de dous anos de prórroga, o Goberno confía en ter novas contas no verán.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/02/2020