CRTVG

Buscar

O Goberno quere prolongar o estado de alarma ata maio e decreta o toque de queda

Publicado o 25/10/2020 21:04

Pedro Sánchez sorprendía cun horizonte temporal para o estado de alarma máis longo do previsto a teor das conxecturas previas. En principio, durará 15 días, pero a pretensión é prolongalo ata maio, previo paso polo Congreso.

"O Goberno aprobará a prorrogación no Consello de Ministros o vindeiro martes para que a súa aprobación nas Cortes Xerais se prodiza esta mesma semana. A nosa proposta a partir do martes, que terá que ser debatida e no seu caso aprobada polas Cortes Xerais, será estender o estado de alarma durante seis meses, ata principios do mes de maio, en concreto o día 9", explicou Sánchez.

O segundo aspecto relevante é o da prohibición de circulación das persoas en horario nocturno, coa excepción das Canarias: "Prohíbese a liberdade de circulación das persoas desde as 23:00 horas da noite ata as 6:00 horas da mañá en todo o país. Só se poderá circular nesa franxa horaria polas causas xustificadas establecidas na norma. Por exemplo, adquirir medicamentos, cumprir as obrigas laborais ou profesionais, regresar ao domicilio ou coidar maiores ou menores de idade".

Ese horario poderano modificar as distintas autonomías cunha marxe dunha hora antes ou despois das fixadas. O toque de recollida terá carácter obrigatorio ata o 9 de novembro, e a partir de aí as comunidades autónomas poderán activalo ou desactivalo.

En realidade, o estado de alarma pretende ser un instrumento xurídico que se pon en mans dos mandatarios autonómicos para que o empreguen en función das súas necesidades: "As autoridades delegadas serán desde o principio os presidentes e presidentas dos gobernos autonómicos. O órgano de cooperación e cogoberrnanza será o consello interterritorial de Sanidade, onde están representados tanto o Ministerio de Sanidade como os conselleiros e conselleiras de Sanidade de todos e cada un dos gobernos autonómicos e tamén das cidades autónomas", anunciou o presidente do executivo en conferencia de prensa 

Tamén queda incluída a posibilidade de prohibir a circulación entre distintas autonomías: "As comunidades autónomas poderán decidir limitar a entrada e saída en todo ou parte dos seus territorios. É dicir, poderán confinar o territorio completo da súa comunidade ou decidir o confinamento dun ámbito territorial inferior".

Por último, os executivos autonómicos quedan facultados para limitar a permanencia dos cidadáns en espazos públicos ou privados a un número máximo de seis persoas, agás que sexan conviventes.

Noticias web

25/10/2020