CRTVG

Buscar

O Goberno quere exhumar a Franco "canto antes" para afastarse do 10-N

Publicado o 24/09/2019 12:49
O Goberno quere exhumar a Franco "canto antes" para afastarse do 10-N

A vicepresidenta do Goberno, Carmen Calvo, avanzou este martes que a exhumación dos restos de Francisco Franco se fará "canto antes" porque así o avala a sentenza do Supremo e para afastalo da próxima campaña electoral.

En declaracións aos medios á súa chegada a un acto da Axencia de Protección de Datos, Calvo mostrouse "moi satisfeita" de que sexa este Goberno o que saque a Franco "dun lugar de enaltecemento público" e valorou que se fixo de maneira "pulcra e garantista" pero, ademais, "absoluta" xa que "a sentenza di onde deben ser reinhumados os restos. Pasamos unha páxina durísima".

Calvo lembrou que España era a única democracia que tiña a un ditador en "un mausoleo de Estado" e insistiu en que a sentenza se executará "o máis próximo que podamos" cun acordo de Consello de Ministros que fixará unha data.

Iglesias: A exhumación de Franco repara unha "vergoña" da democracia

O secretario xeral de Podemos, Pablo Iglesias, considera que a decisión do Supremo de avalar a exhumación de Francisco Franco do Val dos Caídos constitúe un "paso importantísimo" na reparación dunha "vergoña" que se mantivo en 40 anos de democracia.

Vox acusa ao PSOE de empezar a campaña "profanando tumbas"

O presidente de Vox, Santiago Abascal, acusou este martes ao PSOE de iniciar a campaña electoral a base de "profanar tumbas, desenterrar odios e cuestionar a lexitimidade da monarquía" e asegurou que o seu partido defenderá "a liberdade e o sentido común fronte ao totalitarismo e os trucos de propaganda electoral".