CRTVG

Buscar

O Goberno prorroga o "escudo social" e destina 1.770 millóns ao transporte

Publicado o 07/07/2020 17:25
O Goberno prorroga o "escudo social" e destina 1.770 millóns ao transporte

O Goberno acordou hoxe prorrogar ata finais de setembro a prohibición dos cortes de subministracións básicas, os aprazamentos do pago ou condonación de alugueiros así como a moratoria no pago de hipotecas e créditos pola crise da Covid-19, ademais de aprobar medidas de apoio ao transporte por máis de 1.770 millóns de euros

As primeiras medidas, que se aprobaron por primeira vez para o período de vixencia do estado de alarma, que finalizou o pasado 21 de xuño, constituíron o que o Executivo denominou o "escudo social" e agora o Consello de Ministros estendeu, a través dun novo real decreto-lei de medidas económicas, a súa vixencia para que poidan ser de aplicación ata finais de setembro. 

O vicepresidente segundo e ministro de Dereitos Sociais, Pablo Iglesias, que lembrou que o Goberno aprobou recentemente a extensión dos Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE), así como axudas ao sector turístico, dixo que "era hora de seguir protexendo os máis vulnerables".

Aprazanento do pago e condonación de alugueiros

O Goberno estendeu ata o 30 de setembro a posibilidade de solicitar o aprazamento do pago ou a condonación do alugueiro de vivenda habitual ás familias en situación de vulnerabilidade, sempre que os arrendatarios sexan grandes posuidores de vivendas (dez ou máis).  

Tamén ampliou ata esa data o prazo para pedir unha prórroga de seis meses dos contratos de alugueiro vixentes no momento de declararse o estado de alarma nas mesmas condicións. 

Nese real decreto, o Executivo tamén prorroga ás familias máis afectadas pola crise a posibilidade de solicitar ata finais de setembro unha moratoria de tres meses que os librará do pago da súa hipoteca ou dun crédito de consumo.  

Ata o momento, máis de 200.000 persoas beneficiáronse desta iniciativa e, coa medida aprobada polo Consello de Ministros, poderase solicitar ata o 29 de setembro. O mesmo sucede coas moratorias para créditos ao consumo, das que os bancos concederon máis de 364.000 (o 85% das presentadas polos seus clientes), que terán tamén ata finais de setembro para pedir tres meses de alivio.  

O real decreto-lei aprobado este martes polo Goberno tamén amplía ata o 30 de setembro a prohibición de cortar as subministracións de auga, electricidade e gas en ningún domicilio que teña a consideración de primeira vivenda, así como o período entre o primeiro aviso de pago e a suspensión da subministración, de forma que os prazos por primeiros avisos entre o 14 de marzo e o 30 de setembro empezarán a contar desde o 1 de outubro.  

Tamén se amplía a prórroga automática da vixencia do bono social (o desconto directo na factura dirixido aos consumidores vulnerables) ata o 30 de setembro.  

1.770 millóns para o sector do transporte

Por outra banda, o Goberno tamén quixo reforzar o seu apoio ao sector do transporte, un dos máis afectados pola crise do coronavirus, cun paquete por importe de máis de 1.770 millóns de euros, dos que 1.000 destinaranse a aumentar a capacidade de endebedamento de Renfe para compensar o efecto da caída da demanda ferroviaria. 

O ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luis Ábalos, explicou, tras o Consello de Ministros, que 663 millóns de euros, contía que inclúe a redución de taxas portuarias, irán parar a empresas privadas do sector, mentres que a Sociedade Estatal de Infraestruturas do Transporte Terrestre (Seittsa) recibirá 110 millóns para atender os seus compromisos de obras públicas en curso.  

Ábalos sinalou que, con estas medidas, búscase protexer a saúde de traballadores e viaxeiros, proporcionar liquidez ás empresas deste sector para asegurar a súa viabilidade, así como reducir as cargas administrativas para axilizar o transporte de viaxeiros e mercadorías. 

Tamén se recollen medidas para o transporte por estrada, como o aprazamento dos pagos do principal das cotas de préstamos en 'leasing' e 'renting', estendéndoo a todos os préstamos destinados á adquisición de autobuses e camións por autónomos ou empresas do transporte  discrecional de viaxeiros.  

As empresas de transporte de mercadorías tamén poderán acudir a esta vía cando experimentasen unha redución de ingresos ou unha facturación inferior ao 40%.  ´

Para o sector dos servizos públicos de transporte regulado de viaxeiros por estrada de competencia estatal, o decreto expón un procedemento de reequilibrio para compensar a redución de ingresos e o custo engadido por cuestións sanitarias, por exemplo desinfección de vehículos, así como en obra pública e autoestradas, e en todos os casos deberase acreditar as perdas sufridas nos últimos meses polo estado de alarma.  

Ao ser preguntado por axudas ás aeroliñas, Ábalos respondeu que calquera axuda por parte do Goberno ás aeroliñas para afrontar a crise da Covid-19 farase, como foi ata o de agora, a petición e solicitude das propias compañías.  

Ademais, o Goberno aprobou validar por un ano máis os visados caducados do transporte por estrada, ata conseguir a plena normalización en 2023, e unha prórroga de tres meses dos certificados da Inspección Técnica de Vehículos (ITV) cuxo vencemento se produciu entre o 21 de xuño e o 31 de agosto, dando prioridade a transportistas e profesionais

En materia de vivenda, o ministerio sacará a concurso solo público en réxime de concesión, que poderá ser por ata 75 anos para que as construtoras levanten e xestionen vivendas de alugueiro social, coa posibilidade de que o canon que teñan que pagar sexa cero.