CRTVG

Buscar

O Goberno prohibe os despedimentos durante a crise do coronavirus

Publicado o 27/03/2020 16:40

Desde este venres, un empresario non poderá botar un traballador apelando ás perdas provocadas pola pandemia.

Yolanda Díaz, ministra de Traballo, di que  "ninguén pode aproveitarse desta crise sanitaria. Non se pode utilizar o covid-19 para despedir porque puxemos os mecanismos legais e recursos públicos inxentes para que poidan acudir aos expedientes temporais de regulación de emprego".

A prohibición esténdese aos contratos temporais. Ademais, o Goberno simplifica os trámites para presentar un ERTE. O ministerio revisará todos de oficio e obrigará a devolver as prestacións en caso de fraude. Yolanda Díaz admite que as oficinas do paro están desbordadas, pero garante que as pagas chegarán, coma sempre, o día 10. O consello de ministros non aprobou novas restricións na actividade laboral, pero tampouco as desbota.

María Jesús Montero, voceira do Goberno, confirma que "pode ser que os ministerios estean traballando en diferentes liñas, en diferentes áreas como esa actividade reducida, pero no momento que o Goberno decida calquera medida así o anunciará e é importante que todos os ministerios teñan previsto calquera escenario que a autoridade sanitaria poida propor".

O ministro de Sanidade informou de que as compras de material sanitario á China ascenden xa a 578 millóns de euros e que xa se repartiron case 7 millóns e medio de máscaras de protección entre as comunidades.
 

Noticias web

27/03/2020