CRTVG

Buscar

O Goberno portugués prohibe festivais de música ata o 30 de setembro

Publicado o 07/05/2020 18:30
O Goberno portugués prohibe festivais de música ata o 30 de setembro

O Goberno portugués aprobou hoxe xoves un proxecto de lei que prohibe celebrar festivais de música ata o 30 de setembro, como medida preventiva para evitar a propagación da COVID-19.

O proxecto, aprobado en Consello de Ministros e que será sometido a votación no Parlamento luso, despexa as dúbidas que había ao redor de varios festivais que aínda non se pronunciaron sobre a súa celebración, como o NOS Alive -moi frecuentado por españois-, o  Super Bock Super Rock, o MEO Suroeste, o Paredes de Coura ou a que ía ser a primeira edición do Rolling Loud.

Outros grandes festivais, en cambio, si anunciaran o seu aprazamento, como o Rock in Rio de Lisboa, que se celebrará en 2021, ou o Primavera Sound do Porto, que se pospuxo ao 3, 4 e 5 de setembro e que agora terá que valorar unha nova data.

O Consello de Ministros aclarou que os clientes que tivesen tíckets para festivais ou concertos que fosen celebrarse entre o 28 de febreiro e o 30 de setembro e que fosen cancelados polo coronavirus recibirán un vale de igual valor ao billete orixinal, de maneira que queden garantidos "os dereitos dos consumidores".

Portugal suma 1.105 falecidos e en 14% das súas residencias hai contaxiados

En canto á situación do coronavirus no país, os falecidos sitúanse en 1.105, 16 máis que onte, e hai un total de 26.715 contaxiados, 533 máis.

Portugal tamén anunciou que no 14% das 2.526 residencias de maiores rexistráronse casos positivos. Segundo explicou hoxe en conferencia de prensa o secretario de Estado de Saúde,  António Saes, hai un total de 351 residencias onde se diagnosticaron casos positivos de COVID-19.

A volta ás aulas comeza o vindeiro 18 de maio para algúns cursos

Os sindicatos de profesores, molestos co Goberno porque non contou con eles para elaborar o plan de regreso ás aulas, volveron a esixir hoxe tests de diagnóstico antes de que comecen as clases.

A volta será o 18 de maio para os alumnos de 11º e 12º curso (16 e 17 anos), xa que o resto da comunidade escolar segue a súa formación de maneira non presencial a través das clases que se imparten por televisión.

O próximo 18 de maio tamén abrirán as garderías, aínda que os pais que o prefiran poderán manter os seus fillos pequenos na casa durante as primeiras dúas semanas co apoio económico que reciben actualmente.