CRTVG

Buscar

Restrinxido o tráfico na zona próxima ao Blue Star para facilitar o acceso dos medios

Publicado o 26/11/2019 16:56
Restrinxido o tráfico na zona próxima ao Blue Star para facilitar o acceso dos medios

O tráfico á zona próxima ao quimiquero Blue Star, encallado desde o pasado venres na zona das Barrosas, en Ares (A Coruña), quedará restrinxido ao tráfico co fin de facilitar o acceso dos medios necesarios para proceder á retirada do combustible que hai no interior, segundo acordou a Xunta Local de Seguridade, celebrada no concello deste municipio coruñés.

Segundo informa o Consistorio, nela acordouse adoptar unha serie de medidas relacionadas co estacionamento e o tráfico rodado por todas as rúas dos arredores, co fin de facilitar o acceso a maquinaria da empresa Ardentia Marine, así como a vehículos de urxencias "e asegurar a realización dos traballos nas máximas condicións de seguridade" .

As medidas acordadas implican "a restrición total do tráfico rodado de vehículos e persoas, excepto acceso de residentes ás vivendas, nos tramos máis próximos a rúa Estacas, Camiño das Mirandas, San Roque, Maiobre e Camiño do Cernal". Por parte da Policía Local, Garda Civil e Protección Civil establecerase, ademais, un dispositivo especial de vixilancia e control do tráfico, "sobre todo durante os primeiros días, o fin de garantir que se respecten estas normas e o correcto desenvolvemento de todos os labores que se están realizando", segundo explica o Concello de Ares.

A reunión estivo presidida pola subdelagada do Goberno, Pilar López-Rioboo, e o alcalde de Ares, Julio Iglesias. Tamén contou coa asistencia do tenente coronel da Comandancia da Garda Civil da Coruña, Fernando Pedreira; o comandante de Posto da Garda Civil de Mugardos, Sergio Martín e o xefe da Policía Local, Jaime Domínguez. Ademais, asistiron Mario Pena, en representación da empresa 'Ardentia Marine'; o concelleiro de Servizos, José Juan Vilar; a concelleira de Medio Ambiente, Olimpia Marcos; o coordinador xefe de Protección Civil, Carlos Rivera, e o coordinador de Servizos Municipais, Agustín Suárez.

O Goberno pídelles aos curiosos que non se acheguen a contorna do Blue Star en coche

A subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo, lanzou este martes un chamamento á cidadanía para facilitar os labores de rescate do buque quimiquero Blue Star, encallado desde o pasado venres nunha zona rochosa do litoral o municipio de Ares, ante a afluencia de curiosos que acoden a mirar. López-Rioboo convidou a poboación a que se se achega á zona o faga "sen coches" para evitar problemas de circulación de expertos e a infraestrutura necesaria para retirar o carburante do barco, de pavillón de Malta, como medida para facilitar o remolque da zona onde permanece varado.

En declaracións a un grupo de xornalistas, a representante do Goberno central sinaou que o alcalde de Ares, Julio Iglesias, prevé publicar un bando respecto diso nas próximas horas. López-Rioboo destacou que "os camiños son estreitos" e sinalou que o prioritario é facilitar o labor do operativo, do que se vai encargar a empresa holandesa Smit, que prevé bombear con mangueiras desde o buque o carburante ata camións cisterna en terra.

Por iso, convidou a cidadanía a favorecer que os "camiños e estradas estean expeditos para que poidan circular os medios necesarios". Así mesmo, admitiu que hai "aviso de temporal no mar" e subliñou o desexo de que non haxa "ningún problema nas nosas costas" no proceso de baleirado do combustible do buque.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí