CRTVG

Buscar

O Goberno perde a votación do real decreto de remanentes dos concellos

Publicado o 10/09/2020 15:38

Derrota parlamentaria do Goberno. PSOE e Unidas Podemos quedaron sós na defensa do decreto dos aforros dos concellos.

A ministra de Facenda subía ao estrado para defender o decreto asumindo unha derrota: "Lamento que logo a cámara non referende esa cuestión" dicía María Jesús Montero.

Negociou 'in extremis' para intentar sacar adiante un decreto que, entre outras medidas, establece a posibilidade de que os concellos saneados lle cedan os seus aforros ao Goberno para recibiren a cambio un anticipo. Un punto de rexeitamento practicamente unánime. Os grupos parlamentarios pedíronlle un novo decreto.

O Goberno só sumou os seus socios. Unidas Podemos recoñece divisións sobre este asunto e dálle un si urxindo á derrogación da lei orgánica de estabilidade orzamentaria.

A ministra lamenta que a oposición non presente alternativas viables ao real decreto. Mantén que o Gobeno non precisa dos cartos dos concellos que, di, hoxe perderon no seu financiamento. E advirte que non haberá unha segunda oportunidade. Unha advertencia que a oposición cualificou de chantaxe.

Noticias web

10/09/2020