CRTVG

Buscar

O Goberno nega que estea defendendo a Audasa e comparte que se esixan responsabilidades

Publicado o 07/02/2020 19:11
O Goberno nega que estea defendendo a Audasa e comparte que se esixan responsabilidades

O Ministerio de Transportes nega unha estratexia procesual para defender a concesionaria da AP-9, Audasa, no xuízo que comezará a próxima semana no Xulgado do Mercantil 1 de Pontevedra por suposta cobranza abusiva de peaxes durante as obras na ponte de Rande. Nun comunicado, a Delegación do Goberno en Galicia traslada a postura de Transportes neste preito, e engade que no caso de que se probase un incumprimento da normativa ou das obrigas por parte de Audasa, estaría "completamente de acordo" en que se lle esixisen responsabilidades. E engade que é a súa "obriga" esixirllas á concesionaria da AP-9. 

Sobre a comparecencia da Avogacía do Estado nesta causa, Transportes indica que "os informes que puidesen elaborar" os servizos técnicos da Dirección Xeral de Estradas así como "as súas posibles declaracións" en relación cun procedemento xudicial en marcha "responden estritamente a xuízos técnicos". Estes non se encadran, insiste o Ministerio de Transportes, "en ningunha actitude política, actitude que é impensable dentro dun procedemento xudicial", como tampouco a "unha posible defensa da concesionaria Audasa".

Subliña que vén traballando "desde o primeiro momento" para endurecer o control ás sociedades concesionarias, e "segue traballando niso". Remítese ao Real Decreto-Lei 18/2018, sobre medidas urxentes en materia de estradas, en que se introduciu a tipificación dunha nova infracción moi grave para sancionar a eventual neglixencia das concesionarias cando estas ocasionan un prexuízo significativo aos usuarios, e aplicóuselle un carácter retroactivo. 

A Fiscalía de Pontevedra presentou un recurso de reposición no Xulgado do Mercantil 1 contra a resolución que acorda ter por acudida a Avogacía do Estado. Entre outras consideracións, o Ministerio Público esgrime que a causa se cingue estritamente ao ámbito da explotación comercial da infraestrutura pola concesionaria, Audasa, desde a perspectiva civil e privada das súas relacións cos usuarios. Isto determina, infire a Fiscalía, que a Administración Xeral do Estado non poida ter interese directo e lexítimo no preito, máis aló da defensa dos dereitos dos consumidores e usuarios, posición que xa asume o Ministerio Público.