CRTVG

Buscar

O Goberno intervén os laboratorios privados para evitar prezos abusivos

Publicado o 14/04/2020 23:25

O Goberno ditou unha orde pola que intervén os laboratorios privados de diagnóstico clínico para poñelos á disposición das comunidades autónomas. Tal e como anunciara o ministro de Sanidade, trátase de unificar a rede de diagnóstico do coronavirus baixo a supervisión das autoridades sanitarias e tamén de evitar situacións abusivas na realización das probas.

Deste xeito, a orde ministerial publicada hoxe no Boletín Oficial do Estado establece a obriga por parte dos centros de estar dispoñibles para entrar a formar parte ou reforzar os circuítos de diagnóstico xa existentes, e de notificar á autoridade sanitaria da comunidade autónoma os casos de COVID-19 diagnosticados.

Ponse á disposición das comunidades autónomas calquera centro que non estea prestando servizo para o Sistema Nacional de Saúde, e isto inclúe a posibilidade de "adoptar as medidas necesarias para a regulación dos prezos das probas diagnósticas para a detección da COVID-19, co obxecto de evitar situacións abusivas no acceso a este servizo".

Igualmente, limítase a realización das probas diagnósticas a aqueles casos en que exista unha prescrición previa por un facultativo e se axusten a criterios establecidos pola autoridade sanitaria competente.

Finalmente, establécese a obriga por parte das comunidades autónomas de trasladar a información obtida en aplicación da presente orde ao Ministerio de Sanidade, mediante solicitude previa, e tamén a facultade do Ministerio de Sanidade de adoptar as medidas oportunas conforme a criterios de necesidade e urxencia, co obxectivo de garantir os principios de equidade e cohesión.