CRTVG

Buscar

O Goberno insiste en que manter o estado de alarma é "imprescindible" na desescalada

Publicado o 05/05/2020 15:39

A voceira do Goberno, María Jesús Montero, insiste en que a prórroga do estado de alarma "hoxe por hoxe segue sendo unha ferramenta fundamental e imprescindible para os responsables sanitarios".

Na conferencia de prensa posterior ao Consello de Ministros, que aprobou solicitar mañá ao Congreso esta prórroga, Montero dixo que "o único que temos para poder seguir freando este virus é continuar co camiño que temos avanzado", polo que "ninguén pode esixirnos que poñamos en risco o conseguido".

O ministro de Sanidade, Salvador Illa, dixo que "non é o momento de apostar por experimentos". Aludiu a "razóns de tipo sanitario, civil e social que avalan estas medidas" que, engadiu, tomaron, de idéntica ou similar maneira, os países desenvolvidos máis afectados pola pandemia de coronavirus.

"O primeiro é a saúde, que non hai que confrontar con economía nin con política", asegurou Illa. No aspecto civil, o ministro explicou que "o vector principal de contaxio é a mobilidade, que hai que limitar, e para iso é imprescindible ter ese instrumeto". As razóns sociais que argumentou o ministro residen no "conxunto de medidass que constitúen esta rede de seguridade vinculada ao estado ee alarma".

Por iso, dixo, "é imprescindible manter este instrumento que funcionou nesta etapa tan difícil, que non ten manual de instrucións".

Nese sentido, María Jesús Montero explicou que o Goberno desenvolveu unha batería de medidas coa mesma vixencia que o estado de alarma. "Se decae estado de alarma decaen todos os benefios que en materia económica produciron eses instrumentos".

O PP presentou unha emenda para desvincular os ERTE do estado da alarma. É unha das condicións que lle piden ao Goberno ante a votación de mañá. Están entre absterse ou votar en contra.

Tanto o PP como Ciudadanos cren que hai alternativas para xestionar a crise, con leis ordinarias.

O apoio de Ciudadanos e a abstención do PNV serían suficientes, se finalmente o PP vota en contra.
O Goberno está negociando con Esquerra para intentar que se movan do non. O BNG vaise abster.



 

Noticias web

05/05/2020