CRTVG

Buscar

O Goberno fixará uns "marcadores" para unha desescalada por territorios

Publicado o 22/04/2020 15:44
O Goberno fixará uns "marcadores" para unha desescalada por territorios

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciou no Congreso que no plan para a desescalada das medidas de confinamento van fixar uns "marcadores" con criterios "homoxéneos" para determinar como os territorios irán pasando dun confinamento máis estrito a outro "máis laxo".

Sánchez explicou na súa réplica ás intervencións dos portavoces durante o debate da terceira prórroga do estado de alarma que o Executivo leva xa tres semanas traballando nese plan para o levantamento progresivo das medidas de confinamento tendo en conta onde poderá facerse con maior ou menor rapidez.

Admitiu o presidente que "non é o mesmo" a situación nunha zona rural que nunha urbana, e por tanto cando se aborde a relaxación da restrición á actividade haberá que "axustar" as decisións á "realidade territorial" de cada zona, e non só por comunidades autónomas, senón dentro de cada unha delas, xa que o impacto do coronavirus é moi diverso.

E todo iso porque, remarcou, grazas á "resposta uniforme que demos en todo o territorio", a pandemia "é asimétrica" e non ten igual impacto en todas as comunidades.

Trátase dun proceso cuxa dificultade non ocultou, pero si ratificou que se terá "en conta" a todos os gobernos autonómicos para abordalo e mostrouse convencido de non haberá "ningunha polémica" á hora de establecer eses "marcadores", porque os epidemiólogos coinciden en cales deben ser estes criterios, entre os que citou a capacidade do Sistema Nacional de Saúde por zonas, o número de contaxios e falecementos rexistrados ou a dispoñibilidade de UCIS.