CRTVG

Buscar

O Goberno estenderá a moratoria nos desafiuzamentos a colectivos vulnerables antes da pandemia

Publicado o 01/12/2020 14:34
O Goberno estenderá a moratoria nos desafiuzamentos a colectivos vulnerables antes da pandemia

O decreto lei que prepara o Goberno para prolongar a moratoria dos desafiuzamentos de alugueiro aos afectados pola crise da covid−19 estenderá a medida aos colectivos que se atopaban en situación de vulnerabilidade antes da pandemia, segundo confirmou a ministra portavoz María Jesús Montero.

Na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros, Montero dixo que o Goberno traballa "nun decreto que permita prolongar esta situación, incluso ampliándoa a colectivos previos á pandemia que tamén podían ter unha vulnerabilidade e unhas singularidades que se contarán con motivo deste decreto lei".

A voceira do Executivo referiuse a este asunto pouco despois de que Unidas Podemos, ERC e EH  Bildu retirasen a emenda conxunta que presentaran aos Orzamentos de 2021 para prohibir os desafiuzamentos ata 2022.

Tras subliñar a "sensibilidade especial extraordinaria" que ao seu xuízo mostrou o Executivo cos desafiuzamentos no marco da crise do coronavirus, Montero defendeu que neste asunto "a iniciativa correspóndelle ao Goberno, que a está traballando de forma moi concienzuda".