CRTVG

Buscar

O Goberno encara a semana decisiva dos presupostos cos apoios garantidos

Publicado o 30/11/2020 20:09

Desde este luns e ata o xoves, os deputados debaterán cada un dos apartados dos presupostos do estado, xa coas modificación negociadas con grupos como Bildu, que avisa: "Xa hai lexislatura e, agora si, agora imos esixir avances sociais e económicos moito máis profundos e de máis alcance", dixo a deputada abertzale, Mertxe Aizpurua.

Tamén Unidas Podemos quere que a lexislatura pivote arredor do bloque que o xoves vai votar si. O seu deputado, Gerardo Pisarello, explicou que "o que imos facer é traballar para que os acordos que conseguimos con ese bloque progresista e republicano non sexan conxunturais senón estruturais e sostidos no tempo".

Admiten que fixeron o posible por que Ciudadanos non estivese na foto, aínda que o outro socio si que os espera. O socialista Rafael Simancas cre que "teñen que elixir entre o interese xeral e o seu propio interese, o interese egoista, o xogo táctico, o cálculo electoral".

Pero se Ciudadanos e o PP tiñan algunha dúbida, esvaeceuse tras o acordo do Goberno con Esquerra para impulsar a harmonización fiscal entre comunidades. Edmundo Bal, de Ciudadanos, di que "fai falla consenso, así se fan as cousas, non a cambio dun si nos presupostos xerais do Estado como chantaxe ao Goberno de Madrid". Para a voceira do PP, Cuca Gamarra, "non poden invadirse as competencias das comunidades autónomas nin usar os presupostos xerais do estado, unha lei que ten o seu propio contido, para variar o sistema de financiamento autonómico que a Constitución establece e consagra".

Os populares presentaron un escrito para que os servizos xurídicos da cámara se pronuncien sobre a legalidade desa emenda.

Noticias web

30/11/2020