CRTVG

Buscar

O Goberno encamiña a aprobación dos presupostos, malia o non de Ciudadanos

Publicado o 26/11/2020 19:52

Coa superación do debate de emendas, os presupostos avanzan outra casa. O proxecto do Goberno incorporou, entre outras, boa parte de peticións de Esquerra, o PNV e Bildu. Tamén pasou o filtro unha das de Ciudadanos, que así e todo votou en contra, anticipo do que, como confirmou a súa líder, farán tamén na votación definitiva no Congreso.

Inés Arrimadas, presidenta de Ciudadanos, di que "estes non son os presupostos que economicamente necesita España, non se acompañan das reformas que necesita o noso país e apróbanse a cambio de contrapartidas nacionalistas intolerables. Sánchez preferiu coller a man de Otegi e Junqueras que a dun partido moderado". Respóndelle José Luis Ábalos, ministro de Transportes, que "nós o que preferimos é que haxa políticas para vivenda, para infraestruturas, para educación. Os presupostos falan só diso. O demais son escusas para non entrar no contido".

Da previsible luz verde aos orzamentos felicitábase tamén o outro socio do Goberno. Pablo Iglesias, vicepresidente segundo do Goberno, cre que "é evidente que o que estamos vendo reforza o Goberno de coalición e reforza unha dirección de estado progresista, que é o que modestamente buscamos, e temos razóns para estar satisfeitos".

O PP anuncia batalla para frear a equiparación fiscal entre comunidades pactada con Esquerra a cambio dos seus votos.

Pablo Casado, presidente do PP, di que "imos dar esta batalla. Imos seguir baixando impostos e non imos tolerar que Sánchez intente obrigarnos a subilos alí onde gobernamos".

A semana vindeira, os presupostos volven ao Congreso para o derradeiro debate antes de pasar ao Senado.

Noticias web

26/11/2020