CRTVG

Buscar

O Goberno di que o AVE a Galicia avanza a unha velocidade "frenética"

Publicado o 17/12/2019 14:00
O Goberno di que o AVE a Galicia avanza a unha velocidade "frenética"

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, dixo este martes que a velocidade á que avanza a construción do AVE a Galicia é "frenética", que se está construíndo un quilómetro de vía ao día e que se están cumprindo todos os prazos establecidos polo Goberno de Mariano Rajoy.

"O único que podo constatar, e constátano todos os galegos, é a actividade frenética desde que este Goberno é o de España con respecto ao AVE a Galicia", dixo Losada en Vigo.

"Están todas as obras contratadas, estase a construír un quilómetro de vía ao día e estanse cumprindo os prazos que estableceu no seu momento o Partido Popular", engadiu.

Losada saíu así ao paso das acusacións da Xunta, cuxa conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, volveu insistir en que é evidente que o Ministerio de Fomento non vai cumprir os prazos para a finalización do AVE a Galicia e que lle esixiu a Adif que o teña listo para o Xacobeo 2021.

"Se alguén di que non se están cumprindo os prazos é que mentiu Rajoy, mentiu Ana Pastor, mentiu Feijóo, porque se están cumprindo os prazos dados", engadiu Losada.

"Máis non se pode facer porque se está traballando a tres quendas" para facer ese quilómetro diario, explicou o delegado do Goberno, quen engadiu que non queda ningunha actuación por licitar e que "todas as obras están en construción".

"Está a facerse todo conforme aos prazos cos que se lle dixo a este Goberno que tiña que cumprir. Se mentiron sobre eses prazos pois terán que explicalo o señor Feijóo, o señor Rajoy e o señora Pastor", concluíu.