CRTVG

Buscar

O Goberno derrogará o martes os despedimentos por baixas xustificadas

Publicado o 12/02/2020 16:51

A ministra de Traballo, Yolanda Díaz, confirmou que irá ao próximo Consello de Ministros do martes 18 de febreiro a derrogación do artigo 52.d do Estatuto dos Traballadores, que permite o despedimento por baixas médicas.

"Non houbo ningún debate sobre a derrogación do 52.d, quéroo poñer en valor; non houbo ningunha discusión", defendeu tras unha reunión co director da oficina da OIT para España, Joaquín Nieto. 

Díaz tamén subliñou que os prazos se axustaron aos trámites necesarios. "Non hai prazo menor", insistiu. Tamén explicou que se expuxo a derrogación aos portavoces dos distintos grupos políticos, que iso require tempo e que "non houbo ningún reparo" desde ningún interlocutor. Díaz incidiu en que se elimina este apartado do artigo e que outros temas máis amplos sobre absentismo seguen o seu curso no marco do diálogo social en que os axentes sociais están a traballar "moito e ben". 

"Vai ser gran noticia que non vivamos situacións tan degradantes como que cando alguén é máis vulnerable poida perder o traballo", subliñou Díaz.

Díaz recoñeceu que non hai datos globais sobre o uso deste despedimento en España pero si indicios, con prudencia, de que nun sector concreto, a telemercadotecnia, se recorreu máis a esta vía e que a sentenza do Tribunal Constitucional abriu un debate que non existía. 

A ministra de Traballo subliñou tras a reunión con Nieto a intención de colaborar de forma estreita coa OIT como vía fundamental de traballo do goberno xunto ao impulso do diálogo social. Pola súa banda, Nieto destacou a importancia de tratar as reformas desde o diálogo social e urxiu a tomar medidas para reducir as desigualdades que persisten en España, contra a elevada taxa de paro ou os altos niveis de subemprego.

"Son temas estruturais que hai que tratar e non teñen tanto que ver con reformas ou normas laborais, xa que, en España, coa mesma lexislación, os niveis de paro varían moito entre rexións", subliñou Nieto.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí