CRTVG

Buscar

O Goberno confirma que a partir do 9 de novembro o toque de recollida quedará a criterio das comunidades

Publicado o 27/10/2020 14:40

O Consello de Ministros solicitou este martes ao Congreso a prórroga por espazo de seis meses do estado de alarma decretado o pasado domingo e suprimiu do texto inicial os artigos relativos á restrición da mobilidade nocturna para que o decida cada comunidade autónoma.

Afirmouno a portavoz do Executivo e ministra de Facenda, María Jesús Montero, na conferencia de prensa posterior ao Consello este martes, en que concretou que se trata dos artigos 9 e 10 do decreto do estado de alarma, que contemplaba esta restrición entre as 23.00 e as 6.00 horas.

Así, quedará a criterio de cada "autoridade competente delegada", é dicir, dos presidentes autonómicos, cales son as limitacións de mobilidade que se teñen que establecer nos seus territorios.

O que pretende o Goberno, dixo a portavoz, é "dar un amparo constitucional" ás medias que van ir aplicando as autonomías "sempre en función de datos epidemiolóxicos" e superar a segunda onda da pandemia do coronavirus.

Montero recoñeceu o cansazo da cidadanía, pero considerou "imprescindible" que cumpra coas recomendacións establecidas polas autoridades sanitarias.