CRTVG

Buscar

O Goberno compensará os propietarios afectados polo decreto antidesafiuzamentos

Publicado o 17/12/2020 20:34
O Goberno compensará os propietarios afectados polo decreto antidesafiuzamentos

As grandes inmobiliarias terán dereito a solicitar unha compensación polo prexuízo que lle ocasionara a suspensión do desafiuzamento dunha familia vulnerable sen contrato de arrendamento, unha vez transcorridos os tres meses que terá a administración para ofrecer a esa familia unha solución habitacional.

Así consta na proposta de decreto-lei antidesafiuzamentos que levou hoxe o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) á Comisión de Secretarios de Estado e Subsecretarios, e que está suxeita aínda a achegas doutros ministerios. Segundo texto, a compensación consistirá no prezo medio de alugueiro na contorna onde se sitúe o inmoble, o que será determinado a partir dos índices de referencia, máis os gastos correntes da vivenda asumidos e acreditados polo arrendador no período que medie entre a suspensión do desafiuzamento e o seu levantamento. 

Este foi un dos puntos de fricción entre os socios de goberno que atrasou a redacción da normativa, xa que ata o de agora o vicepresidente segundo e ministro de Dereitos Sociais, Pablo Iglesias, rexeitaba que fosen compensados os grandes propietarios de vivenda, é dicir, os propietarios de máis de dez inmobles, o que inclúe aos fondos de investimento, entidades financeiras, administracións públicas e sociedades inmobiliarias e de xestión de activos.

O propietario non terá dereito a solicitar a compensación, é dicir que esta non é de oficio, senón a previa solicitude e acreditación do prexuízo económico. Esta solicitude de compensación poderá presentarse ata un mes despois da vixencia do estado de alarma, segundo o borrador de decreto, que aínda non ten data de aprobación, aínda que o Goberno prevé que sexa no Consello de Ministros do 22 de decembro ou o seguinte.

O decreto deixa claro que as medidas se establecen "con carácter extraordinario e temporal, mentres dure o estado de alarma" e que a situación de vulnerabilidade económica debe ser acreditada polos desafiuzados. Tamén, que a posibilidade de suspensión establécese só para os supostos nos que os propietarios sexan persoas físicas ou xurídicas titulares de máis de 10 vivendas.

Unha vez que o xuíz reciba a alegación de vulnerabilidade económica, deberá solicitar informe aos servizos sociais, que o presentarán como máximo en quince días, e "previa valoración ponderada e proporcional do caso" poderá suspender o lanzamento como máximo ata a finalización do estado de alarma. 

Noticias web

17/12/2020