CRTVG

Buscar

O Executivo aproba 50.000 millóns para as empresas e Feijóo pide que unha parte se use para salvar Alcoa

Publicado o 03/07/2020 21:18

O Goberno aprobou o novo paquete de medidas, por importe de 50.000 millóns de euros, para reactivar a economía e o emprego, que comprende unha liña de avais do ICO por 40.000 millóns para novos proxectos de investimento e un fondo de 10.000 millóns para apoiar a solvencia de empresas estratéxicas.

Segundo informou o Executivo tras a reunión extraordinaria do Consello de Ministros este venres, a liña de avais do  ICO dedicarase a impulsar novos proxectos de investimento empresarial, mentres que o Fondo de Apoio á Solvencia, que será xestionado pola Sociedade Estatal de Participacións Industriais (Sepi), dará apoio público temporal a empresas estratéxicas.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, esixiu ao Goberno central que parte dese fondo para empresas estratéxicas con problemas de solvencia pola Covid-19 sexa para o "rescate" temporal da factoría de aluminio de San Cibrao da multinacional Alcoa.

Nun mitin en Lugo, no polígono das Gándaras, reclamou unha "participación transitoria no capital" da compañía, utilizando ese fondo de 10.000 millóns para rescatar empresas con problemas de solvencia, que o Goberno aprobou hoxe no Consello de Ministros dentro dun paquete máis amplo de medidas.

Segundo explicou, esta inxección de capital público sería temporal ata que o Goberno estableza un prezo da enerxía "competitivo" para que a empresa sexa atractiva no mercado, algo que reprochou ao Executivo que aínda non fixese.