CRTVG

Buscar

Aproban a suspensión de desafiuzamentos e corte de subministracións

Publicado o 22/12/2020 15:07

O Consello de Ministros aprobou este martes o decreto para prohibir os desafiuzamentos mentres dure o estado de alarma, ata o 9 de maio. Inclúe tamén a prohibición dos cortes de subministracións básicas, luz, auga e calefacción, para colectivos vulnerables. 

O texto, finalmente, tamén contempla unha compensación para os propietarios afectados, tal e como defendía o PSOE.

Este decreto ía aprobarse xa hai semanas, pero foise aprazando polas diferenzas entre os socios de Goberno.

Na conferencia de prensa posterior, o ministro de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana, José Luis Ábalos, destacou que a nova norma é "extraordinaria para un momento excepcional de dificultade", que "non lexitima ningunha ocupación de vivenda", que "reforza as garantías xudiciais" e que compromete ao resto de administracións públicas competentes en vivenda.

No caso de inquilinos con contrato, todos os propietarios, desde pequenos particulares a grandes inmobiliarias, terán dereito a solicitar unha compensación se o informe que deberán presentar os servizos sociais ao xuíz acredita a vulnerabilidade económica dos desafiuzados.

A compensación consistirá no prezo medio de alugueiro da contorna en que se sitúe o inmoble, o que será determinado a partir dos índices de referencia, máis os gastos correntes asumidos e acreditados polo arrendador, polo período que medie entre a suspensión do desafiuzamento e o seu levantamento.

Tamén se paralizarán durante tres meses os desafiuzamentos de familias vulnerables sen contrato, aínda que só se ocupan vivendas baleiras de grandes posuidores (propietarios de máis de dez inmobles) e teñen menores ou dependentes a cargo ou son vítimas de violencia machista.

Nestes casos, os grandes posuidores, que son na súa maioría fondos de investimento, entidades financeiras e sociedades inmobiliarias e de xestión de activos, poderán solicitar igualmente unha compensación se demostran que a suspensión do lanzamento lles ocasionou un prexuízo económico.

En todos os casos, as comunidades autónomas terán tres meses, desde que queda acreditada a vulnerabilidade dos desafiuzados, para que ofrecerlles unha alternativa habitacional que sexa unha "vivenda digna". Se non o fan compensarase aos arrendadores desde o momento en que se acordase a suspensión. 

O Real decreto-lei de medidas urxentes para facer fronte ás situacións de vulnerabilidade social e económica no ámbito da vivenda e en materia de transportes supón unha prolongación, en principio ata o 9 de maio, da moratoria que expiraba o 31 de xaneiro dos desafiuzamentos por falta de pagamento de alugueiro para os afectados pola crise da covid-19 e esténdea aos colectivos que se atopaban en situación de vulnerabilidade antes da pandemia.

Nel o Executivo estende, así mesmo, a prohibición durante o estado de alarma dos cortes de subministracións de luz, auga e gas natural a consumidores vulnerables, vulnerables severos ou en risco de exclusión social, é dicir, todas as categorías que define a lei, incluídos os usuarios sen contrato que non teñen condición de vulnerabilidade pero poden acreditala polos servizos sociais ou os mediadores sociais. 

Noticias web

22/12/2020