CRTVG

Buscar

O Goberno declara a emerxencia climática de España e aprobará 5 medidas prioritarias en 100 días

Publicado o 21/01/2020 12:50

• O Consello de Ministros aproba a suba salarial do 2 por cento para os empregados públicos

• As comunidades recibirán 103.000 millóns a conta de financiamento este ano

O Consello de Ministros aprobou este martes un acordo polo que se aproba a declaración de emerxencia climática e ambiental de España, coa que o Goberno se compromete a adoptar 30 liñas de acción prioritarias e cinco delas nos primeiros cen días de Goberno, para loitar contra o cambio climático.   

Durante a conferencia de prensa posterior ao Consello de Ministros, a ministra portavoz, María Jesús Montero, afirmou que a aprobación vai en liña co aprobado na Unión Europea neste sentido. Desta maneira, Montero asegurou que o Goberno sitúa o cambio climático e a transición xusta como eixe transversal impulsando políticas.   

Así, sinalou que o obxectivo desta declaración é lograr un proxecto de futuro común, máis xusto e equitativo, que aproveite as oportunidades da transición ecolóxica mediante políticas públicas transversais, que poñan ao cidadán no centro.

Suba do salario dos funcionarios

O Consello de Ministros tamén aprobou este martes por decreto lei a subida do 2 % do salario dos empregados públicos para 2020 que se aplicará con efectos do 1 de xaneiro, segundo informou a ministra portavoz María Jesús Montero.

"Cumprimos o noso compromiso cos empregados públicos, unha prioridade porque son a base do noso Estado do benestar", dixo Montero na conferencia de prensa posterior ao Consello.

A subida do 2 % estaba pactada no acordo a tres anos asinado en marzo de 2018 polo Goberno do PP cos sindicatos maioritarios do sector público (CCOO, UXT e CSIF) e ao que tivo que ir dando cumprimento o Goberno socialista ao chegar ao poder en xuño de 2018 tras a moción de censura a Mariano Rajoy.

As comunidades recibirán 103.000 millóns a conta de financiamento este ano

A ministra portavoz do Goberno, María Jesús Montero, anunciou este martes que o Consello de Ministros aprobou comunicar ás comunidades autónomas que este ano recibirán, en concepto de entregas a contas, 103.000 millóns de euros.

Na conferencia de prensa posterior á reunión do gabinete, Montero precisou que, a pesar de estar aínda cos orzamentos prorrogados de 2018, as autonomías necesitan saber a cantidade de que poden dispoñer para xestionar os seus servizos públicos.

Agregou que, cando se aproben os orzamentos deste ano, as cantidades poderanse actualizar.
Na súa opinión, a achega desas cantidades supón "o compromiso" do Goberno co financiamento dos entes territoriais e animou as "forzas conservadoras" a que se sumen ao diálogo territorial.

Para a ministra, que as comunidades coñezan as cantidades que van percibir en 2020 "era urxente", porque "teñen que coñecer as cantidades libradas" para cada unha.

Ademais, engadiu, as autonomías tamén coñeceron hoxe as cantidades definitivas da liquidación de 2018, que alcanzou os 10.985 millóns de euros, 4.833 máis ca o ano anterior.