CRTVG

Buscar

O Goberno aproba con acordo social a prórroga dos ERTE da covid-19 ata o 31 de xaneiro

Publicado o 29/09/2020 14:57

• Ademais de ampliar os ERTE de forza maior, crea dúas novas figuras para protexer todos os sectores afectados polas restricións

• Mantén as axudas aos autónomos e a prohibición sobre os desafiuzamentos e engade un suposto para acceder ao bono social

O Goberno prorrogou os ERTE de forza maior para os sectores máis afectados pola crise co acordo dos axentes sociais, tras incluír dous novos tipos de ERTE aos que se poderán botar man todas as empresas prexudicadas por medidas administrativas para frear os gromos da Covid-19.

O acordo, con vixencia ata o 31 de xaneiro, foi pechado e aprobado en Consello de Ministros un día antes de que venza a actual prórroga, tras conseguir o Executivo o apoio dos axentes sociais, principalmente a patronal, unha vez melloradas as exoneracións de cotas á Seguridade Social dos tres tipos de ERTE que seguirán tendo axudas.

Tras intensas negociacións con patronal e sindicatos, a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, puxo en valor a capacidade do diálogo social para chegar a acordos e destacou que, coas medidas aprobadas, se protexe "a todas as empresas e a todos os traballadores" para uns meses que poden ser complicados en plena onda de gromos. "Se salvamos o outono e o inverno entraremos de cheo na recuperación", afirmou Díaz.

O novo esquema dos Expedientes de Regulación Temporal de Emprego ( ERTE) que rexerá nos próximos catros meses establece tres tipos de expedientes con diferentes exoneracións nas cotas que as empresas pagan polos seus traballadores e mantendo as condicións das prestacións por desemprego.

Por unha banda, están os ERTE por forza maior, aos que poderán acollerse as actividades máis afectadas pola pandemia, así como as empresas que demostren depender delas, e que forman parte dunha reducida lista que se coñecerá unha vez que o Boletín Oficial do Estado (BOE) publique o decreto, probablemente mañá, pero que abarcará fundamentalmente ao transporte e o turismo.

Nestes casos, as empresas terán durante os catro meses que dura a prórroga exoneracións do 85 % para as de menos de 50 traballadores e do 75 % para as de máis, tanto para os empregados activados como os que sigan parados.

O acordo reconverte a figura do 'ERTE de rebrote', introducida na anterior prórroga de xuño, en dúas novas modalidades, o ERTE de impedimento e o ERTE de limitación. A eles poderá acollerse calquera empresa, do sector que sexa, se se ve afectada por medidas de restrición para facer fronte á covid-19.

No ERTE de impedimento as bonificacións serán do 100 % para as empresas de menos de 50 traballadores e do 90 % para as de máis de 50. No segundo, o de limitación, o esquema de bonificacións é decrecente partindo do 100 % en outubro para pasar ao 90 % en novembro, ao 85 % en decembro e ao 80 % en xaneiro para as empresas de menos de 50 traballadores, en tanto que para as de máis de 50 empregados hai que restar dez puntos ás porcentaxes anteriores.

Finalmente, a mellora das axudas logrou desbloquear un acordo que mantén moitos puntos dos anteriores, como a obrigación de manter o emprego durante 6 meses para as empresas acollidas a un ERTE ou a prohibición de realizar horas extras. En canto ás prestacións, os traballadores afectados por un ERTE manterán o "contador a cero", é dicir non consumirán prestacións para un eventual futuro despedimento, durante todo 2021, en tanto que se recoñecerá unha prestación extraordinaria de desemprego ás persoas traballadoras con contrato fixo descontinuo.

Tamén se recolle que as persoas afectadas por un ERTE terán atención preferente para recibir cursos de formación con accións específicas para este colectivo. Actualmente, uns 600.000 traballadores seguen acollidos a un ERTE relacionado coa pandemia da covid-19 fronte aos 3,4 millóns que chegaron a estalo no pico da pandemia en abril.

O Goberno prorrogou tamén ata o 31 de xaneiro a protección para o colectivo de autónomos, ampliando a prestación por cesamento de actividade, tamén a do colectivo de tempada, e implementando instrumentos extraordinarios para protexer algúns casos que quedaran desprotexidos.

O ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, detallou que as axudas asociadas aos ERTE e á protección dos autónomos ascende ata setembro a uns 22.000 millóns de euros. A metade desa cifra, explicou, é imputable á Seguridade Social por axudas extraordinarias a autónomos, exoneracións de cotizacións a empresas e prestacións por incapacidade temporal, mentres que a outra metade correspóndese coa protección aos traballadores incluídos en ERTE que paga o Servizo Público de Emprego.



 

Noticias web

29/09/2020