CRTVG

Buscar

O Goberno anuncia que a partir de xullo vai reactivarse o turismo estranxeiro "en condicións de seguridade"

Publicado o 24/05/2020 14:38

O presidente do Goberno asegurou hoxe que a "gran vaga da pandemia xa foi superada". E á vez que pedía "prudencia" na desescalada, avanzaba que haberá temporada turística este verán e que os visitantes estranxeiros poderán entrar no noso país a partir de xullo "en condicións de seguridade". Tamén anunciou que a vindeira semana se aprobará o ingreso mínimo vital e a declaración formal de loito oficial en todo o país.

Sánchez comezaba a súa comparecencia destacando que "tras semanas moi duras" "xa vemos o final do túnel". Cualificaba de "formidable" a resposta da sociedade española, e cos datos cada vez máis favorables, Pedro Sánchez avanzaba que haberá temporada turística este verán e animaba á reactivación do sector.

"E por iso invito publicamente a todos os establecementos públicos, bares, restaurantes, a todos os destinos de praia, de interior, a que se preparen desde hoxe para retomar a súa actividade en poucos días... e animo aos españois a planificar as súas vacacións xa", asegurou Pedro Sánchez.
O Goberno tamén permitirá que se retome o turismo estranxeiro.
"España recibe cada ano máis de 80 millóns de visitantes...A partir de xullo retomarase a entrada de turismo estranxeiro a España en condicións de seguridade"

Sánchez anunciaba que a vindeira semana aprobarase no Consello de ministros o ingreso mínimo vital, unha medida que cualificou de "histórica" e cun obxectivo, "que ninguén quede atrás" pola crise sanitaria.

"Será unha prestación da Seguridade Social e o seu custo anual roldará os 3.000 millóns de euros. A posta en marcha deste ingreso mínimo vital beneficiará preto de 850 mil fogares, dos que a metade ten nenos a cargo"

Tamén a vindeira semana, cando todo o territorio estea xa en fase 1 o Goberno aprobará a declaración formal de loito oficial en todo país en memoria das vítimas. Terá unha duración de 10 días.

"Durante ese tempo ondearán a media hasta as bandeiras dos edificios públicos e dos buques da Armada. Queremos amosar toda a nosa dor, o noso pesar e o noso recoñecemento ás vítimas"

Noticias web

24/05/2020