CRTVG

Buscar

O Goberno acorda cos axentes sociais prorrogar os ERTE ata setembro

Publicado o 25/06/2020 16:50

A poucos días de que caducara a anterior prórroga, o próximo martes, e despois dunha longa negociación, o Goberno e os axentes sociais conseguiron superar un dos principais obstáculos para chegar a un acordo: as exencións das cotizacións á Seguridade Social. Serán do 70 por cento en xullo, o 60 en agosto e o 35 por cento en setembro no caso das empresas de menos de 50 empregados. Nas de máis traballadores, a exoneración de cotas será do 50 por cento en xullo, o 40 en agosto e o 25 en setembro. Ademais incluíuse unha cláusula en caso de rebrote, que permitirá que unha empresa pechada por orde sanitaria poida acollerse a un ERTE de forza maior.

Unai Sordo, secretario xeral de CCOO "Creo que é un bo acordo, un acordo moi traballado, un acordo que lanza unha mensaxe de confianza á sociedade española, que protexe centos de miles de traballadores e traballadoras"

Os empresarios tamén están satisfeitos aínda que seguen preocupados por como se afrontará o terceiro trimestre do ano. E o Goberno envía unha mensaxe de tranquilidade ás empresas que están pasando por dificultades.

 Yolanda Díaz, Ministra de Traballo "Este acordo o que fai é reforzar esa ferramenta que creo que é moi sólida que é reforzar o diálogo social, todos cedemos"

José Luis Escrivá, ministro de Seguridade Social "hai que poñer en valor que entre todos, e a través do consenso e do acordo se despreguen medidas que teñan a súa extensión para os próximos meses, pero con vocación de que nos sirvan de avance máis adiante"

As novas condicións dos ERTE vanse aprobar este venres nun Consello de Ministros extraordinario.