CRTVG

Buscar

O globo de Betanzos xa está listo para o lanzamento o día de San Roque

Publicado o 12/08/2019 13:40

O famoso globo de Betanzos está xa practicamente listo para ascender ao ceo da vila coruñesa o día de san Roque. É unha tradición que se remonta a 1875 e un acontecemento ao que asisten miles de persoas cada ano.

Corenta voluntarios traballaron nesta nave para a fabricación do globo de Betanzos ou globo de san Roque. O aeróstato de papel máis grande do mundo, de 25 metros de alto e realizado totalmente de xeito artesanal.

Emilio Pita Responsable do globo de Betanzos: "Faise basicamente de papel, ese foi o gran mérito do meu avó, porque no ano 1875 facer un globo destas dimensións e de papel foi un grandísimo mérito. Hoxo o noso mérito é escaso porque é facer o que el fixo e manter esa tradición"

O globo de Betanzos lanzouse por primeira vez en 1875 por iniciativa de Emilio Pita. Unha tradición só interrompida durante os anos da Guerra Civil. Pero outra das ocasións foi o ano pasado cando un refacho de vento rompeu o globo que xa non se puido elevar. Os responsables miran este ano para o ceo.

Emilio Pita Responsable do globo de Betanzos "As inclemencias do tempo xogan malas pasadas, como ocorreu o ano pasado. Espero que este ano san Roquiño non teña unha urxencia moi grande e que ese día poida estar con nós e que nos bote unha man como fai habitualmente"

O globo de Betanzos vai ilustrado con viñetas, debuxadas por artistas locais, alusivas a acontecementos que se produciron ao longo do último ano. Miles de persoas asisten cada ano ao lanzamento do globo de Betanzos, que xa ten outra tradición : a de estar pendentes de onde cae.

Noticias web

12/08/2019