CRTVG

Buscar

O fútbol galego contará co seu protocolo covid esta semana

Publicado o 03/08/2020 17:31
O fútbol galego contará co seu protocolo covid esta semana

O fútbol galego contará desde esta semana cun protocolo para protexerse da covid que elaborou a Federación Autonómica de Fútbol en colaboración coa Xunta de Galicia.

Ese documento, denominado FISICOVIDDXTGALEGO, establecerá, segundo apuntou a Secretaría Xeral para o Deporte, as medidas para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo coronavirus no ámbito do deporte federado de Galicia e permitirá a volta á actividade deportiva do fútbol galego de ámbito autonómico.

A semana pasada, os clubs de fútbol que militan en categoría nacional (Segunda B, Terceira, División de Honra Xuvenil de fútbol masculino; Primeira, Segunda e Primeira Nacional de fútbol feminino, e Primeira e Segunda de fútbol sala masculino e feminino) mantiveron unha reunión co secretario xeral, José Ramón Lete Lasa.

Nela, os equipos expuxéronlle as súas dúbidas sobre a situación actual e o regreso dos seus persoais á actividade deportiva. Despois dese encontro, Lete Lasa enviou unha segunda carta ao Consello Superior de Deportes (CSD) en que lle insiste na necesidade dunha aclaración sobre os "termos nos que se desenvolverán algunhas competicións deportivas estatais na tempada 2020/21".

O máximo responsable do deporte galego pide ao CSD consenso e un contexto "o máis harmónico posible" en todo o territorio nacional e cumprir coas "funcións, competencias e responsabilidades" que ten en relación a competicións oficiais de ámbito estatal, tanto profesionais como non profesionais.