CRTVG

Buscar

Indignación na Coruña pola viaxe do Fuenlabrada tras confirmar casos de covid-19

Publicado o 21/07/2020 20:44

Antes de viaxar á Coruña xa se coñecía o positivo dun xogador do Fuenlabrada e o de tres mebros do equipo técnico. Aínda así colleron avión e aloxáronse no hotel Finisterre cando o protocolo da Liga recolle que os xogadores deben aloxarse nun establecemento exclusivo para o equipo.

O protocolo anticovid da Liga tamén establece que os resultados das probas PCR se teñen que saber 24 horas antes de xogarse o partido. Neste caso coñecéronse a tan só unhas horas de que se fose disputar o encontro. 

A Liga de Fútbol ten un protocolo específico. Un dos seus puntos establece que os clubs deberán usar hoteis de concentración exclusivos para os equipos. O Fuenlabrada non o fixo así, aloxouse no hotel Finisterre, con máis hóspedes nese momento e cunha piscina á que acoden tamén os veciños da cidade.

Os xogadores do Fuenlabrada chegaron a Alvedro nun voo chárter, exclusivo para o equipo. Pero segundo unha orde do 17 de xullo publicada no Boletín Oficial do Estado, está prohibido acudir a un aeroporto se se estivo en contacto estreito cunha persoa diagnosticada nos 14 días anteriores á viaxe. Segundo transcendeu, o Fuenlabrada coñecía desde o sábado o positivo dun dos xogadores, pero viaxaron á Coruña sen saber os resultados das probas PRC de contraste ás que se someteran.

Noticias web

21/07/2020