CRTVG

Buscar

O Fuenlabrada acusa o CSD de falsas acusacións e defende que actuou segundo o protocolo e informando ás autoridades e á Liga

Publicado o 22/07/2020 22:15

O Fuenlabrada respondeu o comunicado deste mesmo mércores do Consello Superior de Deportes (CSD) lamentando unha serie de "acusacións" que tachou de "falsas" e "de enorme gravidade", xa que defenden que seguiron sempre o protocolo sanitario. "Desde o CF Fuenlabrada queremos trasladar a enorme sorpresa de que o CSD non se puxese en contacto co CF Fuenlabrada para solicitar ningunha información previa a pronunciarse oficialmente con acusacións falsas de enorme gravidade", di o club.

O CSD, despois de recibir o informe da Liga, cargou con dureza contra o Fuenlabrada e contra a propia patronal por "erros graves", entre eles o de viaxar á Coruña para xogar o luns cando xa sabían de varios casos de coronavirus. No Fuenlabrada defenden a súa xestión: "A información sobre os positivos comunicouse ás autoridades sanitarias en todo momento. Os laboratorios encargados de realizar as probas comparten os resultados coas autoridades sanitarias da Comunidade Autónoma correspondente", di o club.

"Á marxe de que a competencia para comunicar brotes corresponde ás autoridades sanitarias, as cales foron notificadas a través do laboratorio, non houbo un brote para efectos de notificación antes da tarde do luns", engade, e alega que non se podía considerar "brote" xa que os afectados "non tiveran contacto nin tiñan relación entre si". Ademais, o cadro do sur de Madrid responde tamén ao CSD na súa crítica á decisión de viaxar. "Todos os desprazados á Coruña viaxaron desde Madrid con dous PCR e un test rápido negativo. E sorpréndenos que unha institución como o CSD chegue a poñer en dúbida tales probas, que poñemos á súa disposición", di.

"O CF Fuenlabrada non incumpre en ningún momento o protocolo, xa que no do CSD se establece que hai que "illar" os positivos e "apartar" deles os negativos, e iso é o que en todo momento fai o Club. Por tanto, o CF Fuenlabrada nunca pon en perigo a saúde dos xogadores, a saúde pública nin a competición no seu conxunto", engade. Para terminar, o Fuenlabrada anuncia que pon ao dispor do CSD toda a "documentación pertinente" para demostrar a súa boa actuación e lembra que todas as decisións se tomaron "con comunicación continua e transparente baixo as indicacións de LaLiga".

Noticias web

22/07/2020