CRTVG

Buscar

O fiscal pide 9 anos e 9 meses de cadea para un chantadino por abusar dos fillos

Publicado o 30/06/2020 13:47

Un veciño de Chantada está acusado de abusos sexuais aos seus dous fillos, menores de idade, e de maltratar de xeito habitual o máis vello. Segundo o escrito da acusación, en 2018 baixoulle a roupa interior á súa filla e fíxolle tocamentos nos xenitais mentres durmía con ela. Daquela a nena foise do cuarto e foi durmir con el o seu irmán, do que tamén abusou.

Os feitos producíronse despois de que a nai se separara do pai dos rapaces, que negou de xeito tallante que abusase dos seus fillos. Pola súa parte, os nenos declararon que o seu pai se emborrachaba acotío e que esa noite estaba bébedo.

Polos delitos de maltrato físico habitual a un dos fillos e abuso sexual de ambos os dous, o fiscal da Audiencia Provincial de Lugo pide para o acusado o cumprimento de 9 anos e 9 meses de cadea, o pagamento de 2.000 euros en concepto de danos morais e maila imposición dunhas ordes de afastamento de 5 anos con respecto á filla e 8 anos con respecto ao fillo máis vello. A defensa solicita a libre absolución.

Noticias web

30/06/2020

Máis sobre Chantada