CRTVG

Buscar

O estudo do xenoma do coronavirus revela que en España non houbo paciente cero

Publicado o 28/10/2020 14:24

Seq-Covid, así é como se chama este proxecto de investigación español que comparte información con outros similares a nivel internacional. Analizan o xenoma do virus a través de mostras de sangue de pacientes infectados.

"Os obxectivos son comprender cales foron as vías de entrada, ver cales foron as mutacións que o virus ten para, na medida do posible, comprender novas terapias", informa Daniel García Souto, Investigador posdoutoral do CIMUS.

Segundo as mostras analizadas procedentes da primeira onda, o virus entrou en España moi cedo, no mes de febreiro, a través de eventos multitudinarios como o partido de fútbol entre Atlanta e Valencia celebrado en Milán, a Semana da Moda na mesma cidade ou a feira de arte Arco celebrada en Madrid.

"Este estudo determinou que non houbo un paciente cero, que polo menos se identificaron unhas 500 vías de entrada independentes de dúas cepas que viñeron da China", fala Daniel García Souto, Investigador posdoutoral do CIMUS.

Para chegar a esta conclusión analizáronse mostras de máis de 2.000 pacientes. 

"Estas dúas cepas son as que se propagaron por toda España durante a primeira onda e grazas ás restricións de mobilidade desapareceron case completamente, de tal modo que as que temos na actualidade son variacións destas dúas", comenta Daniel García Souto, investigador posdoutoral do CIMUS.

O traballo de secuenciación xenómica segue a bo ritmo. Agora toca analizar as mostras da segunda onda e poder determinar a súa virulencia para poder atopar novas terapias.

 

 

Noticias web

28/10/2020