CRTVG

Buscar

España, lonxe da inmunidade co 5% da poboación con anticorpos

Publicado o 14/05/2020 16:29

• Os resultados preliminares do estudo de seroprevalencia reafirman, segundo o Goberno, a necesidade dunha desescalada prudente 

• Galicia é a cuarta comunidade con menos anticorpos: 58.000 persoas superaron a COVID-19, o 2,1 % | O estudo da Xunta rebaixa ao 1 % a poboación contaxiada

 

Máis de dous millóns de persoas contaxiáronse de coronavirus en España e teñen anticorpos. É o 5 % da poboación, a porcentaxe que agardaban os expertos e da que o Goberno tira dúas conclusións.

"Non hai inmunidade de rabaño e é unha validación das hipóteses e criterios de prudencia con que se elaborou o plan de desescalada", aseguraba o ministro de Sanidade, Salvador Illa.

A directora do estudo explicou que non hai grandes diferenzas por idades entre os adultos, tampouco entre homes e mulleres, pero si que se reduce entre os nenos e adolescentes. "A prevalencia é menor, quizais porque estiveron máis protexidos", apuntou Marina Pollán, directora do Centro Nacional de Epidemioloxía.

Aínda que non teñen datos suficientes para sacar conclusións definitivas, tampouco atoparon grandes diferenzas entre sanitarios e outros traballadores esenciais e o resto da poboación. "Unha prevalencia moi similar á prevalencia nacional, un 5,3 %. E para estudar axeitadamente os tipos de traballo dos sectores esenciais é importante ter en conta en que provincia traballan", explicou Pollán.

Porque onde si que hai diferenzas, e grandes, é por territorios. A porcentaxe de persoas con anticorpos redúcese en Galicia a pouco máis do 2 %, unhas 58.000 persoas. Por provincias, Ourense sería a máis afectada e A Coruña onde menos persoas estiveron en contacto co coronavirus.

Variedade xeográfica


Unha das conclusións extraídas é que "hai unha gran variabilidade xeográfica", xa que as zonas onde a prevalencia é maior "teñen unha zona que é de cinco veces maior" a aquelas zonas que teñen a máis baixa. En Ceuta, Murcia, Melilla, Asturias e Canarias é inferior ao 2 %, pero Castela-A Mancha e Madrid superan o 10 %.

Nos mapas provinciais, destaca a agrupación central de provincias con prevalencias iguais ou próximas ao 10 % na contorna de Madrid. Pola contra, non se notan "diferenzas entre homes e mulleres, tampouco entre grupos de idade".

O estudo desvela que a dos traballadores esenciais é similar á do resto de grupos, un 5,3 %, pero é "lixeiramente inferior" en nenos. Para os menores de un ano a prevalencia é do 1,1 %; para os menores de cinco, do 2,2 %, e para os que teñen menos de nove, do 3 %. "Se cadra tamén estiveron máis protexidos", apreciou Pollán.

Así mesmo, tamén cambia a medida que aumentan os síntomas: para as persoas que teñen entre tres e cinco compatibles co virus, é do 8 %; con máis de cinco, elévase ao 14,7 %, aínda que "chamou a atención" que nos que sufriron unha perda súbita do olfacto se dispara ao 43 %.

Mapa provincial de posibles casos sospeitosos da COVID-19 con tres ou máis síntomas ou presenza de anosmia


O que non se puido determinar é o nivel de inmunidade por nacionalidade. O 4 % da poboación do país non ten nacionalidade e non está suficientemente identificada no padrón, polo cal non é fácil chegar a eles.

Galicia é a cuarta comunidade con menos anticorpos

Só un 2,1 % da poboación galega superou a infección por coronavirus e xerou anticorpos, menos da metade da media do 5 % rexistrada en España nos resultados da primeira onda do estudo de seroprevalencia realizado polo Ministerio de Sanidade en todo o país.

De feito, Galicia é a cuarta comunidade con menor porcentaxe de poboación con anticorpos, pois só hai cifras máis baixas en Murcia (1,4 %), Canarias e Asturias (ambas co 1,8 %). No outro extremo atópanse Madrid (11,3 %) e Castela-A Mancha (10,8 %).

Por sexos, a taxa é case idéntica entre homes (o 2,1 %) e mulleres (2,2 %) que superaron a enfermidade da COVID-19 en Galicia. En España, esas taxas son do 5 % e o 5,1 %, respectivamente.

No tocante ás provincias, A Coruña é a que conta en Galicia (entre as menores de España) con menor taxa de poboación con anticorpos (o 1,8 %). Supón un punto menos que o 2,8 % rexistrado en Ourense, maior cifra galega. Mentres, tanto a poboación de Pontevedra como a de Lugo están no 2,3 %.

Noticias web

14/05/2020