CRTVG

Buscar

O estaleiro moañés Rodman construirá unha nova patrulleira para Aduanas

Publicado o 03/05/2019 15:43

A Axencia Tributaria volve a confiar en estaleiros Rodman para levar a cabo a fabricación dunha nova patrulleira de altura para o Departamento de Aduanas e Impostos Especiais. Trátase dunha embarcación de 42 metros de eslora cun orzamento de 8,2 millóns de euros, impostos incluídos.

O estaleiro moañés, situado en Meira, presentouse en solitario ao concurso lanzado a principios deste ano para levar a cabo a encarga que terá un prazo de execución de 15 meses. A súa actividade centrarase na loita contra o contrabando, en concreto o da cocaína que entra no noso país por vía marítima dende O Caribe e América do Sur.

Non é a primeira vez que Rodman traballa para a Axencia Tributaria. Dos corenta buques cos que conta na actualidade, este estaleiro participou activamente na renovación da súa frota con máis de 30 patrulleiras fabricadas nos últimos anos.

Esta adxudicación chega para Rodman tras firmar a construción de catro embarcacións xemelgas para Gardacostas Galicia, dúas delas xa foron entregadas.

A formalización deste contrato, entre estaleiros Rodman e Axencia Tributaria, será nos vindeiros días.

Noticias web

03/05/2019