CRTVG

Buscar

O equipo da Garda Civil de Montaña realiza simulacros de rescate na neve

Publicado o 21/11/2019 13:57

Sete axentes e un can de rastrexo especializado en avalanchas compoñen o Grupo de Rescate en Montaña que a Garda Civil ten en Galicia. Teñen a súa base en Trives, a carón da estación invernal. Antes de que comece a tempada de esquí realizan simulacros de rescates na neve para estar preparados ante calquera emerxencia.

Estamos na estación de montaña de Cabeza de Manzaneda. Unha avaría na telecadeira deixa pendurado, a varios metros de altura, un esquiador. O responsable do Grupo de Rescate Especial de Intervención en Montaña da Garda Civil en Galicia, o cabo Fernando Posada, sinala que un dos principais perigos é a hipotermia.

Contra o reloxo, efectivos desta unidade comezan o rescate. A 1.600 metros de altitude, con xistra, o termómetro marca varios graos baixo cero.

Todo está calculado ao milímetro para garantir a seguridade tanto do rescatador como da vítima.

É unha práctica de rescate habitual que realiza antes de que comece a funcionar a estación de montaña para estar preparados ante calquera imprevisto. Tamén en caso de avalancha. Aparellos especiais permiten localizar un dos axentes se queda sepultado.

Cunha sonda comproban onde está  e cunha pá proceden ao rescate.

O Grupo de Rescate Especial de Intervención en Montaña de Galicia creouse no ano 1982. Actúa en toda a comunidade pero a súa área de competencia chega mesmo ata Cantabria.

Noticias web

21/11/2019