CRTVG

Buscar

O Empire State estrea miradoiro cun toque galego

Publicado o 16/10/2019 21:17

Un galego de Celanova é o autor da reforma do miradoiro máis alto do Empire State, todo un símbolo de Nova York. No andar 102, Jorge Martínez cambiou paredes por cristais e no chan agochou unha tella de Castromao, a súa terra.

Jorge Martínez mostra o novo miradoiro do Empire State, con ventás amplas, que van desde o chan ao teito, o que lles permite aos visitantes gozar dunhas espectaculares vistas de Manhattan e do resto de Nova York desde 381 metros de altura. "Isto agora é coma un faro na illa de Manhattan é a parte máis alta do edficio, poñéndose aqui, mirando dun lado a outro vese todo Manhattan, que é un sitio único, non se ve en ningunha outra parte de Nova York"

Catro millóns de turistas visitan cada ano este icónico rañaceos que durante 40 anos foi o edicifio máis alto do mundo. Agora con esta reforma, que custou 165 millóns de dólares, o Empire State tamén agocha un anaco de Galicia. "Soterrado aquí no chan hai unha tella de Castromao, en Ourense, que é un castro preto da vila de miña nai, Ermide, en Celanova"

Jorge Martínez pasou moitos veráns no mosteiro de Oseira e confesa que a luz e os claustros o levaron polo camiño da arquitectura e o deseño. O seu próximo proxecto lévao a Dubai, pero soña con facer algo en Galicia: "Se me queren, a ver se podo facer algo en Galicia"

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

16/10/2019