CRTVG

Buscar

O dono dun comercio de Padrón escorrenta un atracador que lle amosa unha pistola

Publicado o 20/11/2019 14:04

O dono desta tenda da Escravitude, ao lado de Padrón, fixo fuxir o individuo que o intentou atracar o sábado á tardiña. Lembra que xa viviu unha situación parecida e outros asaltos, pero desta volta a cousa subiu de nivel.

Fernando Paz, o dono da tenda, explica que de inmediato baixou da oficina "e doume conta que trae unha pistola e dime 'non che quero facer dano'. Vino algo alterado e nervioso el tamén. Vin que non reaccionaba doutra maneira e empurreino. Antes soltou o bolso para que lle botase os cartos. Deume o xenio, empurreino un pouco ata que logrei que escapase. Saíu pola porta e quedou mirando. Chamei os meus para que me trouxesen un teléfono. Despois saín e vin que non estaba".

Á fronte dun negocio que ten máis de cen anos de existencia, Fernando quéixase da tardanza da Garda Civil en acudirlle despois da negativa da Policía Local de Padrón porque só había un de servizo.
"A patrulla veu 40 ou 50 minutos despois, porque viñan do cuartel de Porto do Son, segundo dixeron.
-E que lle parece iso?
-Mal. Que estamos indefensos".

A imaxe do atracador escorrentado, un tipo novo e delgado, non a esquece: "Viña tapado, só se lle vían os ollos, pero non tirei nin fixen nada, porque... vaia... co medo non fixen máis. Porque se non sabería quen era e ao pensar que a pistola non era real puiden defenderme doutra maneira, pero... co medo... non se vai meter un en máis problemas".

Outra vez, hai anos, unha rapaza que viña simulando agochar unha pistola, pediume os cartos e cando llos daba dixo "non me deas máis, moedas non". Non me soou normal. Daquela toquei e tiña un dedo, en vez dunha pistola".

Fernando di que cre que fixo o correcto e non sente que se arriscase en exceso.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

20/11/2019