CRTVG

Buscar

O dono da casa que ardeu en Baralla critica o inquilino

Publicado o 20/01/2021 13:38

O domingo á noite ardía por completo esta casa da Revolta en Baralla. Os seis ocupantes da vivenda perderon todas as súas pertenzas persoais, pero amosábanse esperanzados en comezar de novo nunha casa similar pola contorna e agradecían a axuda do concello e os veciños.

"Isto non serve para vivir e xa estamos pensando en partir de cero nunha nova vivenda", dicía o inquilino, Luis Pérez.

O caso é que a vivenda non era da súa propiedade, levaban meses sen pagar o alugueiro e estaban residindo nela máis persoas das que figuraban no contrato de arrendamento. Por iso, o propietario, que vive en Barcelona, lamenta que os inquilinos non se puxesen en contacto con el nin sequera nos días seguintes ao incendio e lembra que é el o verdadeiro prexudicado porque perdeu a casa que levaba sendo da súa familia varias xeracións.

 "O que quedei sen nada fun eu. Este señor estase lucrando da nosa desgraza. Para nós é unha perda económica e sentimental", asegura Ana López, filla do propietario da casa.

Antonio López xa contactara cunha avogada luguesa para tentar solucionar os impagos do alugueiro, logo de que o inquilino levara meses sen responder ás súas chamadas. Agora di sentirse doído polo apoio que reciben os ocupantes da casa e que, asegura, contrasta coa pouca solidariedade que recibe el tras a perda económica e emocional que lle causou o lume.

"A miña situación é de desamparo. Non podo ir a Galicia e a miña casa ardeu. E este home nin me avisou. Sóubeno polo alcalde e a Garda Civil".

Malia o acontecido, o propietario ve xustificado que se axude os inquilinos e seguirá tentando chegar a un acordo con eles. O que lamenta é a pouca empatía que recibiu pola súa parte, sendo el o máis afectado.

Noticias web

20/01/2021