CRTVG

Buscar

O "Divina del Mar" será despezado nas próximas semanas se o mar o permite

Publicado o 07/12/2019 17:59

O "Divina del Mar" será despezado. A xente do mar agarda que o saquen canto antes
O mar segue a bater contra o "Divina del Mar" e esta mañá o equipo que estivo retirando o gasóleo durante a semana non puido traballar. Só o visitan algúns veciños que tamén se achegaron o día do accidente, no que faleceu un dos nove tripulantes. Desexan deixar de velo encallado na rochas canto antes.

"Para nós os mariñeiros isto é moi desagradable porque para nós os barcos teñen unha identidade propia. Teñen como unha vida. Entón velos aquí é como ver un animal ferido, alguén que está clamando para ser enterrado. Entón é desagradable ver un barco así arruinado. Sei que o patrón o está pasando mal aínda a día de hoxe porque sabe que o barco está aquí nas pedras. E é o triste recordo dun falecemento dun tripulante, dun compañeiro, dun mariñeiro. Entón habería que rematar xa esta andadura do 'Divina del Mar' xa", di un veciño da zona.

O día do accicente aínda confiaban en que o barco puidese ser arranxado. Agora saben que a decisión final é despezalo e sacalo por terra despois de retirar calquera material contaminante que haxa no seu interior.

"A lexislación marítima é un pouco complexa, entón entran factores que non entran noutras cousas de terra, non? Unha vez que se abandona un barco pérdese dalgún xeito a propiedade sobre el e despois entran outros factores como son seguros, o rescate e o interese económico a fin de contas".

Os tempos do despezamento marcaraos o estado do mar.

Noticias web

07/12/2019