CRTVG

Buscar

O Día dos Solteiros non triunfa en Galicia

Publicado o 11/11/2020 19:36

Nos comercios non se viron hoxe descontos especiais polo Día Mundial dos Solteiros nin se facían ofertas a quen acreditase esa condición. Este é un mes en que o comercio ofrece diferentes promocións que culminarán co Black Friday, pero, polo menos en Galicia, o chamado Single Day non acaba de arrincar. As persoas solteiras tampouco cren que teña moito sentido celebrar o seu estado civil, e menos cun acto estritamente comercial. Aos casados tanto lles ten que se celebre ou non.

"Pois a verdade é que é a primeira noticia que teño. Non sabía que houbese un día dedicado os solteiros".

"Eu son moi de vivir só, por iso non estou casado. No aturaría ter sempre na casa a mesma persoa".

"Pois eu estou ben de casado. Para saber as vantaxes de ser solteiro teríame que separar e non teño ganas".

O Día dos Solteiros comezouse a celebrar en 1993 na cidade chinesa de Nankín. No país asiático é un dos mellores días do ano para o comercio debido, en parte, aos 20 millóns de homes chineses que non poden atopar parella logo de décadas dunha política estrita de control da natalidade. Só a compañía Alibabá calcula facturar hoxe 30.000 millóns de dólares. Pero en Galicia semella que, polo de agora, a celebración queda limitada os máis tradicionais partidos de fútbol entre solteiros e casados.

Noticias web

11/11/2020