CRTVG

Buscar

O Día da Internet Segura promove unha navegación coidadosa cos nosos datos

Publicado o 05/02/2019 18:07

O mundo virtual é unha parte fundamental das nosas vidas queirámolo ou non, por iso cómpre dedicarlle un tempo a reflexionar como nos movemos por el. Verificamos a identidade das comunicacións que recibimos ou a autenticidade das páxinas que visitamos? Aínda sendo tan prudentes, podémonos atopar con situacións insospeitadas, como lle acontece a Adrián Mato, que leva varios días recibindo insultos e ameazas nas redes porque confundiron o seu perfil co de Adrián Montero Mato, o mozo ao que acusan de armar unha lea nun partido da NBA. El mesmo aclarou polas redes a confusión, pero segundo os especialistas en protección de datos tería máis opcións.

No Día da Internet Segura lémbrannos a necesidade de formarnos e ser máis rigorosos á hora de manexarnos no mundo virtual, por exemplo, á hora de aceptar as políticas de privacidade.

A nova Lei de educación reforzará a formación sobre o uso de Internet na etapa escolar, pero mentres tanto os especialistas aconsellan usar webs como Canal Joven ou a páxina do Instituto Español de Ciberseguridade, que ofrece información básica tanto de prevención como sobre a onde acudir cando temos un problema.

Noticias web

05/02/2019