CRTVG

Buscar

O último pastor do Grove continúa co oficio por afección

Publicado o 18/02/2020 14:28

Marquesa é unha cabuxa afortunada. Coa visita da tele é á única do rabaño que Juan Jesús saca a pasear cedo. O resto terá que agardar ata o mediodía porque, se o pasto está moi mollado, arrefríanse e póñense malas. Así que, se chove, toca xantar a cuberto. Cómpre coidalas. Este é o único rabaño que queda polo Grove e el, o derradeiro pastor, un oficio bastante escravo que a Juan o fai feliz.

O rabaño comparte corte cunha arca de Noé: coellos, pitas, cabalos e un cocho. Tamén hai faisáns, pero están xunto á horta que coida a nai. Leite de cabra, carne de ovella e coello, ovos das galiñas... A familia apenas pisa o supermercado. Os animais tamén fan o seu traballo.

Todo isto non é gratis. Juan Jesús empeza xa á primeira hora a coidalos. Darlles de comer por quendas lévalle media mañá, pero encántalle. Esta afección, que herdou do avó aos doce anos, levouno a formar un rabaño pouco común e aos seus 34 anos ten unhas trinta cabezas de distintas procedencias.

Cando poden, cabras e ovellas pastan durante horas ao carón do mar, gozando das vistas privilexiadas do con Negro co derradeiro pastor da zona do Grove.

Noticias web

18/02/2020